Logo Xerais

Info autor/a

Paz Andrade, Valentín

(enviar correo)

Valentín Paz-Andrade (Lérez, Pontevedra, 1898 - Vigo 1987) foi poeta, avogado, xornalista e home de empresa vinculado á política galeguista. Personalidade multifacética, fixo de Galicia a súa tarefa. Licenciouse en Dereito en 1921 e participou na creación do xornal Galicia (1922), do que foi director. Exerceu a avogacía, asesorando a Sociedade de Armadores de Bouzas (1927) e ligándose á revista Industrias Pesqueras. Durante a República participou na redacción do anteproxecto de Estatuto de Galiza. Tras o alzamento militar foi desterrado a Verín, onde comezou a escribir poemas en galego. Foi un dos fundadores da empresa Pescanova (1960), da Feira Mundial da Pesca de Vigo (1973), e recoñecido especialista internacional en temas pesqueiros. Como poeta, ata o de agora, só era coñecido por tres títulos: Pranto matricial (1955), Sementeira do vento (1968) e Cen chaves de sombra (1977). Nesta Poesía completa, da man de Gregorio Ferreiro Fente, Xerais dá á luz unha copiosísima obra poética inédita que redimensiona a súa figura literaria: A serra. Cantos do desterro branco (1937), Sangue na neve: Etopeia da serra (1937), Cantos da aguia e do lobo (1937), Canto do pobo disperso (1955), Canto reuncial de Galiza (1980), Áurea ora de Galiza (1984), Canto en catro ao conde de Andrade (1985), Poemas soltos (1937-1984), así como os textos fragmentarios Canto do liño e da la (1937-1939) e Os sete salmos da remigración (1955). Ensaísta prolífico, publicou, entre outros libros, El sistema económico de la pesca en Galicia (1958), Galicia como tarea (1959) e La marginación de Galicia (1970), amais títulos de carácter literario como A galecidade na obra de Guimarães Rosa (1978) e a biografía Castelao na luz e na sombra (1982).

As súas obras como autor/a