Logo Xerais

Info autor/a

Moure, Anxo

(enviar correo)

Estraño contacontos que se considera realmente un atrapador de contos, nacido o día dos santos inocentes do ano 1963. Coñecido como o Carballo con Botas e herdeiro da tradición do "Barón Rampante" de Italo Calvino e do realismo máxico de Álvaro Cunqueiro, os seus contos xa están no maxín de varias xeracións de alumnas e alumnos de centros escolares de Galiza, Euskadi, Castela-A Mancha, O Bierzo, Portugal..., e mesmo na selva amazónica peruana de Iquitos.É o inventor da Ciclobiblioteca, a Titiricleta, o Paztinete, o Nubinete, a Barca dos Contos ou o Paraugas Dameaugas... aparellos cos que chega a bibliotecas, prazas, centros culturais ou escolas para contar os seus contos.Actualmente mora enriba dunha árbore no Eco Espazo Casa nas Árbores de Garabelos, onde traduce á linguaxe dos seres humanos o falar do vento coas árbores, o caer das pingas nas follas, o canto dos merliños, paporroibos e curuxas.As súas historias transfórmanse tamén en bicicletas para mestres e médicos de Latinoamérica, Asia e África dentro do proxecto Bicis pola Paz, e tamén en lapiseiros e material escolar para as nenas e nenos refuxiados dos campamentos de Tinduf, no deserto do Sahara, dentro do Proxecto Sahariza; así como en miles de árbores plantadas nos bosques galegos dentro do proxecto Plantabosques. Todo este traballo solidario se plasma no portal web www.contosolidarios.orgA súa traxectoria foi recoñecida en numerosas ocasións: Premio de Educación Ambiental en Galicia 1990; Premio á Mellora da Calidade de Vida Agronatura 1991, Premio Laranxa do Colexio de Montefurado, Premio Osíxeno de Adega 2010. E moitas das súas historias foron publicadas en formato libro, como "Plantarse", "Tío Teixo", "O paraugas dameaugas", "A xacia Luviñas", "O Carballo con Botas" ou "Salgadiña, a estrela de Fisterra". "A música das árbores" (2015), en coautoría con Servando Barreiro, é a súa primeira obra en Xerais.

As súas obras como autor/a