Xerais ten en marcha o proceso de elección das obras gañadoras dos Premios Xerais 2026. Este ano optan aos premios 113 orixinais. Os e as integrantes dos tres xurados xa teñen nas súas mans os manuscritos orixinais que optan a acadar o Premio Xerais de Novela, o Premio Merlín de Literatura Infantil e o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil. Deste xeito, os xurados declararán as obras finalistas na súa primeira reunión, que se celebrará esta mesma semana. Os finalistas daranse a coñecer na mañá do 16 de maio nunha nota aos medios de comunicación.
Unha semana despois terá lugar o segundo encontro en que se escollerán as tres obras gañadoras. O veredicto darase a coñecer a través das redes sociais e dunha nota de prensa que se difundirá na mañá do 23 de maio.
O xurado da XLIII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e ao que concorren 50 obras, está formado por: Luis Losada Rodríguez (mestre xubilado, mantén o podcast Palabras voadoras), Ruth Oliveira Martínez (correctora editorial e bookstagramer en @rutholiveira), Laura Montes (profesora de Lingua Galega e Literatura), Andrea Quintáns Rey (libreira na Librería Libraida de Gondomar), Helena Miguélez Carballeira (catedrática Emérita da Bangor University, experta en Estudos Galegos) e Xosé Manuel Moo, secretario do xurado, en representación de Edicións Xerais de Galicia, con voz e sen voto.
O xurado da XLI edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e ao que concorren 36 obras, está formado por: Lucía Barrios (ilustradora), Beatriz Quintela Fernández (mestra de Educación Primaria e coordinadora da biblioteca e do programa Lectura e familias do CEIP Plurilingüe Santiago de Oliveira), Ana Arias Castro (profesora de Ensino Secundario e bookstagramer en @nadamellorcaler), Leonardo Ezequiel Casado (xestor cultural e libreiro na Libraría Galgo Azul), Aida Espada (mestra de Educación Primaria e membro da asociación Espazo Lectura) e Anaír Rodríguez, secretaria do xurado, en representación de Edicións Xerais de Galicia, con voz e sen voto.
O xurado da XVII edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e ao que concorren 27 obras, está formado por: Miguel Calvo Marques (escritor e orientador educativo no Equipo de orientación específico de Pontevedra, especialidade trastornos de conduta), Silvia Veiga Cidrás (bookstagrammer @meslivresettoi), Valeria Gutiérrez Caneda (estudante e escritora), Senén Costas Sánchez (profesor de Ensino Secundario), Juan Pablo Rodríguez Santiago (libreiro na libraría Galgo Azul) e Ramón Domínguez, secretario do xurado, en representación de Edicións Xerais de Galicia, con voz e sen voto.
share