Quen son os habitantes dese edificio de Les Marginaux?
Son unha serie de persoas, nenos e adultos, que na súa maioría tiveron que fuxir dos seus
fogares para construír unha vida nova noutro lugar. Non todos os veciños e veciñas son foráneos, tamén residen persoas do propio lugar, mais que, igualmente, son marxinados por unha parte da sociedade.
Os nenos desta historia desafían o odio coa fantasía. Esta é unha novela que só poderían protagonizar nenos e nenas?
Non. De feito, non só a protagonizan os nenos e nenas, senón que os adultos tamén son
parte fundamental no relato. Neste caso, os nenos e nenas son os que, dende a súa realidade, cren posible o que os adultos consideran imposible.
O xurado definiu a obra como unha fábula social. Cal era o teu propósito ao escribir esta historia?
Esta é unha historia que fala do poder da comunidade. De como en conxunto podemos acadar un obxectivo. Dentro de Les Marginaux residen individuos de diferente cor, relixión,
habilidades… Todos achegan o seu gran de area para arranxar o edificio e impedir que as
autoridades os desafiucen. A comunidade, para os galegos, sobre todo para aqueles que nos criamos na aldea, debería ser recoñecible. Por desgraza, neste sistema que nos individualiza, a comunidade comeza a extinguirse.
Que significa para ti gañar o Premio Merlín de Literatura?
Sempre tiven moitas incertezas á hora de levantar unha historia para o público infantil. Incluso dubidei da miña capacidade. O Merlín é un premio de referencia. Gañalo, á parte dunha inmensa felicidade, é un xeito de alimentar a confianza no que fago e ir deixando de costas as miñas inseguridades. Para min é unha honra sumarme ao cadro de gañadores deste premio.
share