Detective Ferruchi, I’m Obélix e Milú e o edificio das persoas extraordinarias chegan este xoves ás librarías. Despois de que o xurado escollera os títulos gañadores dos Premios Xerais 2024 o pasado mes de xuño, as obras de Marta Villar, Raquel Fernández Fernández e Abel Tomé xa están dispoñibles para as lectoras e lectores. Ademais, Xerais celebrará a festa de entrega dos galardóns o vindeiro 26 de outubro no Museo do Mar de Galicia, en Vigo. O acto estará presentado pola xornalista Susana Pedreira e poderase seguir en directo a través das redes sociais.
Nesta edición, os xurados premiaron unha obra cun ton irónico que funciona como unha parodia da novela de detectives clásica, unha novela xuvenil que afonda no fenómeno do acoso escolar cun protagonista adolescente con TDAH e unha historia infantil que é un canto ao poder da imaxinación para soñar un mundo mellor.
Detective Ferruchi, de Marta Villar, Premio Xerais de Novela 2024
A xornalista Marta Villar é a autora da obra gañadora do Premio Xerais de Novela 2024, Detective Ferruchi. A escritora conta que tiña ganas de contar unha historia de crime e investigación dende a perspectiva dunha protagonista muller. “Xuntei esa idea con outra: a das mulleres que traballaron nas cooperativas téxtiles de Inditex”, conta Marta Villar sobre a orixe da obra. Ademais, no texto é fundamental o ton irónico e paródico, que atravesa toda a novela.
A historia comeza cando Sol Cortés, a protagonista, decide darlle un xiro radical á súa vida. Deixa a cidade onde vive e o seu traballo como padronista en Inditex para regresar á súa vila natal, despois de moitos anos, e abrir unha libraría. Aos poucos días aparece brutalmente asasinado Xan Sequeiro, un veterinario introvertido e cun don especial para curar animais. A trama céntrase na investigación paralela deste crime que realiza Sol e durante as súas pescudas xorden unha morea de personaxes peculiares e sorprendentes que amosan, unhas veces con humor e outras con gravidade, temas da sociedade actual que invitan á reflexión. Ao longo da historia visibilízanse colectivos minoritarios que reivindican o valor da diferenza e rachan cos prexuízos. Detective Ferruchi tamén lles dá voz a todas esas mulleres que desde os anos oitenta axudaron a levantar un imperio téxtil internacional grazas ao seu traballo nas cooperativas. Un traballo duro pero que para moitas significou a súa independencia económica. Esta é unha novela coral e divertida contada cun ton irónico e eficaz que consegue manter a intriga ata o final.
I’m Obélix, de Raquel Fernández Fernández, Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2024
Raquel Fernández Fernández retrata na súa novela a realidade do acoso escolar dende a perspectiva dun adolescente con TDAH. Deste xeito, o texto non se limita a falar só de vítima e acosador, senón tamén da atmosfera en que se producen eses casos e tamén do caldo de cultivo que os favorecen. I’m Obélix xurdiu da necesidade de falar dun problema “incrustado e xeral moi complicado de erradicar”, tal e como indica a autora. “O entorno adulto, tanto familiar como escolar, ten moito que ver nestas situacións tan complexas”, explica.
O protagonista desta historia, Isma, é un neno de 13 anos inspirado en moitos dos nenos e nenas con TDAH que coñece a autora. Este mozo afronta un novo curso do instituto cun cambio significativo na súa vida: unha diagnose de TDAH. O que en principio semella algo positivo para a familia, xa que chega acompañado de respostas -e mesmo de certo alivio-, converterase nun drama no ámbito escolar, onde o protagonista terá que enfrontarse ao descoñecemento e á falta de sensibilidade dun sector do profesorado e do alumnado. Con certos toques de humor e unha chea de referencias ao mundo adolescente actual, I'm Obélix achéganos á crúa realidade do día a día nun instituto calquera, onde ser diferente é un desafío e, demasiadas veces, constitúe unha traxedia para a vítima e a súa familia.
Milú e o edificio das persoas extraordinarias, de Abel Tomé, Premio Merlín de Literatura Infantil 2024
Abel Tomé constrúe en Milú e o edificio das persoas extraordinarias un escenario marxinado dende o que se pode soñar cun mundo mellor dende a colectividade e co poder da imaxinación. A obra foi definida polo xurado como unha fábula social en que se pon en valor a fantasía infantil. “Os nenos e as nenas desta historia son os que, dende a súa realidade, cren posible o que os adultos consideran imposible”.
Milú vive coa súa nai na cidade de Parisia, no edificio Les Marginaux, onde todos os nenos que o habitan posúen un don que os fai extraordinarios. O don de Milú é construír soños. Coa escusa de que o edificio está estartelado, as autoridades mandan un aviso para que se desaloxen as vivendas canto antes. Pero Milú e os outros nenos e nenas teñen un plan para tentar evitar que os expulsen dos seus fogares. Unha luminosa fábula social sobre o poder da imaxinación infantil para soñar un mundo mellor. O optimismo e a fantasía propios da infancia convértense nesta historia nun antídoto contra a intolerancia e o odio, e fan posible o milagre de transformar en tenrura, audacia, amor, humor e esperanza a tráxica realidade que padecen a diario multitude de persoas, vítimas das grandes desigualdades do mundo.
share