A escritora Berta Dávila recibe o Premio Ostana 2025 na categoría Giovani, un recoñecemento que distingue autoras e autores novos que escriben en linguas minorizadas de todo o mundo e amosan un compromiso estético e vital coa súa lingua. O galardón entrégase no marco do Premio Ostana Scritture in lingua madre, un festival literario organizado pola asociación Chambra d’Oc e a Comune de Ostana, e que celebra a súa XVII edición entre o 27 e o 29 de xuño. Apoiado pola UNESCO no marco do Decenio Internacional das Linguas Indíxenas, o festival converteuse nun referente na defensa da diversidade lingüística.
A organización destacou de Berta Dávila “o seu percorrido excepcional como escritora e poeta, a súa capacidade de renovar a linguaxe literaria cunha voz auténtica e orixinal, e o labor constante de difusión da literatura galega máis alá das súas fronteiras naturais”. Autora dunha obra ampla e recoñecida, que transita entre a poesía e a narrativa, recibiu premios como Premio da Crítica Española, o Premio da Crítica Galicia ou o Premio Xerais de novela, e foi traducida a varias linguas.
Con este premio, Berta Dávila convértese na cuarta persoa distinguida en representación da lingua galega tras Manuel Rivas, que recibiu en 2019 o Premio Internacional, Craig Patterson, premiado o mesmo ano pola súa labor como tradutor, e Alfredo Conde, recoñecido na primeira edición.
O festival
Ao longo da súa historia, este festival deu a coñecer a 96 autores que representan 50 linguas de todos os continentes, forxando unha rede mundial de escritores e escritoras na defensa da diversidade lingüística. Nesta edición, por exemplo, foron recoñecidos autores e autoras en linguas como o cerma (Burkina Faso); kurdo (Siria); malgache tsimihety (Madagascar); croata (Italia); bretón (Francia);irlandés (Irlanda), e occitano, ademais do galego.
Berta Dávila
Berta Dávila (Santiago de Compostela, 1987) é narradora e poeta. Por Raíz da fenda (Xerais, 2013) obtivo o Premio Johán Carballeira de poesía e posteriormente o Premio da Crítica Española e o da Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega na modalidade de poesía. Como narradora é autora, entre outros libros, das novelas O derradeiro libro de Emma Olsen (2013), Premio Repsol de Narrativa Breve e Premio da Asociación Galega de Editoras ao mellor libro de ficción; Carrusel (2019), Premio García Barros e Premio da Crítica Española; Illa Decepción (2020), Premio Repsol de Narrativa Breve e finalista do Premio da Crítica Galicia; Os seres queridos (Xerais, 2022), obra coa que conseguiu o Premio Xerais de Novela 2021, o Premio Follas Novas de Narrativa 2023 e o Premio da Crítica de Galicia (Creación Literaria) 2023; e A ferida imaxinaria (Xerais, 2024).
No ámbito da literatura infantil e xuvenil é autora dos álbums ilustrados A fuxida (2014) e O libro grande dos números pequenos (Xerais, 2023), do libro de poemas A pel do mundo (2017), das novelas infantís Demetrio Demoscopio perdeu a chispa (Xerais, 2022) e O Concurso dos Mellores Inventos (e outros incribles acontecementos) (Xerais, 2024) e da novela xuvenil Un elefante na sala de estar (Xerais, 2022), coa que gañou o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2021.
share