Chus Pato é a gañadora do Premio Nacional de Poesía 2024 por Sonora, un poemario publicado por Xerais en novembro de 2023. O xurado do premio, que entrega do Ministerio de Cultura, destacou este libro por ser “unha obra experimental, unha expansiva e concentrada conversa entre o poema e a morte, aquela que, tras a orfandade da nai, arrastra os lectores cara aos abismos da propia liñaxe”. O xurado define a autora como unha peza fundamental da poesía galega e subliña as “novas formas de deconstruír e reconstruír os marcos do pensamento poético tradicional”.
Do mesmo xeito, o xurado sinalou que o poemario crea “espazos textuais repletos de fugas: retóricas, semánticas, capaces de hibridar distintos códigos nos que se desprega toda a súa inextinguible potencia sonora. En Sonora, memoria persoal, social e política murmuran as múltiples voces dunha das poetas contemporáneos máis audaces. Chus Pato móstranos na súa obra o enfoque da poesía como elemento transformador da linguaxe”.
Na súa anterior edición, o galardón recoñeceu a Yolanda Castaño pola súa obra Materia. Deste xeito, é o segundo ano consecutivo que o Ministerio de Cultura recoñece a obra dunha poeta galega publicada en Xerais. Ademais, en 2022, Ismael Ramos acadou o Premio Nacional de Poesía Joven por Lixeiro, editado tamén por Xerais. O premio está dotado con 30.000 euros.
A autora
Chus Pato (Ourense, 1955) é poeta. Académica de número da Real Academia Galega, é vogal do padroado da Fundación Euseino?, pertence á directiva do padroado da Fundación Rosalía de Castro e ao padroado da Fundación Uxío Novoneyra. Publicou os seguintes libros: “Urania” (1991), “Heloísa” (1994), “Fascinio” (1995), “Nínive” (Xerais, 1996, Premio Losada Diéguez), “A ponte das poldras” (1996), “m-Talá” (Xerais, 2000), “Charenton” (Xerais, 2003), “Hordas de escritura” (Xerais, 2008, Premio Nacional da Crítica, Premio Losada Diéguez e Premio Mondoñedo10), “Secesión” (2009), “Carne de Leviatán” (2013, Premio Irmandade do Libro), “Un libre favor” (2019) e “Sonora” (Xerais, 2023). A poesía de Chus Pato conta con traducións ao inglés, ao catalán, ao búlgaro, ao serbio, ao polaco, ao alemán, ao italiano, ao árabe clásico e a outros idiomas, e está incluída en prestixiosas antoloxías de ámbito nacional, estatal e internacional. Foi invitada aos festivais internacionais de Barcelona, Rosario, A Habana, Bos Aires, Bratislava , Rotterdam e Antwerpen. No ano 2018 a Chus Pato foille concedido o Premio Clara Campoamor.
O xurado
O xurado estivo presidido por María José Gálvez Salvador, directora xeral de Libro, Banda Deseñada e Lectura do Ministerio de Cultura; e Almudena Hernández de la Torre Chicote, subdirectora adxunta da Subdirección Xeral de Promoción do Libro, a Lectura e as Letras Españolas, actuou como vicepresidenta. Como vogal actuou Carme Riera, proposta pola Real Academia Española; Luciano Rodríguez Gómez, pola Real Academia Galega; Patxi Juaristi, pola Euskaltzaindia; Alexandre Bataller, polo Institut d’Estudis Catalans; Vicenta Tasa, pola Acadèmia Valenciana de la Llengua; Yolanda Morató, pola Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE); Jordi Doce, pola Asociación Colexiada de Escritores de España (ACE); Noni Benegas, pola Asociación Española de Críticos Literarios; Carmen Sigüenza, pola Federación de Asociacións de Xornalistas de España (FAPE); Carmen Mejía, polo Instituto de Investigación Feminista da Universidade Complutense de Madrid; Laura Casielles, polo Ministerio de Cultura e Yolanda Castaño, autora premiada na convocatoria anterior.
share