Xerais convoca unha nova edición do Premio Xerais de Novela, o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e o Premio Merlín de Literatura Infantil. Coa publicación das bases, o prazo para a entrega de orixinais queda aberto ata o 1 de marzo de 2025. Ata entón, poderán enviarse as obras candidatas ao local social de Xerais (rúa Doutor Marañón, 12, 36211, Vigo).
En 2025 o Premio Merlín acada a súa XL edición, o que supón un éxito que acredita o compromiso de Xerais coa literatura infantil. Así, este é o galardón máis importante no eido da LIX dentro do panorama literario galego. Pola súa parte, o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil acada a XVII edición e o Premio Xerais de Novela a XLII.
Os xurados de cada categoría conformaranse tras a recepción das obras e os seus integrantes serán anunciados na primavera. Como é habitual, estarán formados por lectoras e lectores que non se dediquen de forma profesional á literatura. No mes de xuño celebraranse dúas xuntanzas para escoller as obras finalistas e as gañadoras dos tres premios. Xa no outono, terá lugar a Festa Xerais, na que se entregarán os Premios cos tres libros publicados.
Cada un dos tres premios contempla a publicación das obras gañadoras nas coleccións de Narrativa, Fóra de Xogo e Merlín de Xerais. Ademais, terán unha dotación económica de 10.000 euros por categoría.
Calquera autor ou autora pode participar no premio sempre que presente o seu orixinal en lingua galega conforme á normativa vixente. Os textos teñen que ser inéditos na súa totalidade. Ademais, as persoas que xa gañasen algunha das cinco edicións anteriores non poderán presentarse a esta.
40 edicións do Premio Merlín
O Premio Merlín converteuse ao longo destas 40 edicións no máis prestixioso da literatura infantil galega. Entre os gañadores deste premio atópanse algunhas das autoras máis relevantes neste eido.
Fina Casalderrey, candidata ao Premio Astrid Lindgren por cuarta vez nesta edición, gañou o galardón en 1994 por Dúas bágoas por máquina. Outros autores que acadaron o Merlín foron Agustín Fernández Paz, Bernardino Graña, Marilar Aleixandre, Érica Esmorís, María Canosa ou Rosa Aneiros.
Ademais, algúns dos libros recoñecidos con este galardón recolleron logo premios tan relevantes como o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, como Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas, que é xa un dos libros máis vendidos da historia de Xerais.
Podes consultar as bases aquí.
share