Fina Casalderrey volve optar ao Astrid Lindgren Memorial Award por cuarta vez. A autora galega foi elixida pola OEPLI, como Sección Española do IBBY, a proposta de Gálix. Con ela, a ilustradora Elena Odriozola é a outra proposta da OEPLI para este premio que rende homenaxe á creadora de Pippi Mediaslongas e que supón o recoñecemento máis importante á literatura infantil.
Trátase dun premio establecido polo goberno sueco e que se outorga anualmente a escritoras, ilustradoras, narradoras e persoas, proxectos ou organizacións que veñan facendo valiosas achegas ao fomento da lectura. O obxectivo do premio é potenciar e aumentar o interese na literatura infantil e xuvenil no mundo, e fomentar os dereitos dos nenos. Cunha dotación de cinco millóns de coroas suecas, é o maior premio do mundo para a literatura infantil e xuvenil e o segundo premio literario no ámbito mundial.
Un total de 265 candidaturas de 72 países están nomeadas para o premio 2025, as propostas foron presentadas por organizacións de todo o mundo. A listaxe de candidatas pode consultarse na web www.alma.se/es o gañador ou gañadora anunciarase durante a Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña.
share