A Xunta Directiva de CEDRO concedeu o Premio CEDRO 2025 ao escritor, xornalista e guionista galego Manuel Rivas. Con este galardón recoñécese o seu firme compromiso coa cultura, así como a súa contribución á defensa dos dereitos de autor e da propiedade intelectual.
Carme Riera, presidenta de CEDRO, destacou que “este ano quixemos recoñecer a Manuel Rivas polo seu activismo e compromiso público coa promoción e defensa da creación literaria, dos valores culturais e dos dereitos de autor”.
"Ao longo de toda a súa traxectoria profesional, tanto literaria como xornalística, Rivas estivo sempre ao lado da cultura e dos seus creadores", afirmou Riera, que lembrou a defensa constante de Rivas dos dereitos dos escritores e tradutores fronte ao uso non autorizado das súas obras por parte dos desenvolvedores de intelixencia artificial xerativa.
Así mesmo, a presidenta de CEDRO subliñou que “Manuel Rivas nunca dubidou en reclamar publicamente a necesidade de preservar a autoría e a xusta remuneración dos escritores na era dixital”.
Traxectoria
Manuel Rivas Barrós (A Coruña, 24 de outubro de 1957), é un dos escritores galegos de maior proxección internacional. Membro da Real Academia Galega, a súa obra foi traducida a máis de trinta idiomas (O lapis do carpinteiro, a 36 idiomas) e varias das súas obras foron adaptadas ao cine. Rivas recibiu varios recoñecementos como o Premio Nacional de Narrativa por Que me queres, amor? (1996). Ademais, en 2024 foi recoñecido co Premio Nacional das Letras, que entrega o Ministerio de Cultura, o que o converteu no primeiro escritor en lingua galega en recibilo.
A súa obra abrangue diferentes xéneros, entre outros, a narrativa, a poesía ou o ensaio. Ademais, a súa traxectoria no xornalismo comezou como aprendiz en El Ideal Gallego aos 15 anos. Dende entón traballou diferentes medios de prensa, radio e televisión. Actualmente é codirector da revista Luzes e colabora en medios como El País, La Voz de Galicia ou a revista dixital Ctxt.
Tras do Ceo, publicada en setembro de 2024, é a súa novela máis recente e forma parte dunha serie histórica que Manuel Rivas vertebra sobre o eixe da caza do home polo home e a depredación da natureza.
IX edición do Premio CEDRO
O Premio CEDRO, que se concede con motivo do Día Internacional da Propiedade Intelectual, nace no ano 2017, co obxectivo de recoñecer anualmente, e de xeito simbólico, a traxectoria dunha persoa ou institución que destaque pola defensa da cultura en xeral e dos dereitos de autor en particular. A día de hoxe, Lorenzo Silva (2017) foi galardoado con este galardón; Julia Navarro (2018); Pepa Fernández (2019); Rosa Montero (2020); José María Merino (2021); Eduardo Maura, Emilio del Río, Marta Rivera de la Cruz e José Andrés Torres Mora (2022); Antonio Muñoz Molina (2023) e Gemma Lienas (2024).
share