Con motivo da celebración do Día do Libro 2026, Manuel Rivas foi recoñecido esta semana co Premio dos Clubs de Lectura 2026. Este galardón distingue anualmente a autora ou autor galego máis lido polos clubs de lectura do ámbito educativo, segundo os datos da convocatoria correspondente ao curso 2024/25.
O recoñecemento a Manuel Rivas pon en valor unha traxectoria literaria e xornalística fundamental para a cultura galega contemporánea. Escritor, poeta e ensaísta, Rivas é unha das voces máis lidas e influentes da literatura en lingua galega, cunha obra amplamente traducida e recoñecida dentro e fóra de Galicia. Títulos como O lapis do carpinteiro ou Os libros arden mal forman parte xa do canon literario e do imaxinario colectivo de varias xeracións de lectoras e lectores.
Membro da Real Academia Galega e distinguido con numerosos premios ao longo da súa carreira —entre eles o Premio Nacional das Letras Españolas en 2025—, Manuel Rivas destaca tamén polo seu compromiso coa lingua, a memoria, a xustiza social e o pensamento crítico. A súa obra, próxima e poética, continúa a atopar un eco especial nas aulas e nos clubs de lectura, converténdose nunha ponte entre a literatura e a educación.
O Premio dos Clubs de Lectura 2026 subliña así a vixencia, a accesibilidade e a forza lectora dunha obra que segue a crear comunidade arredor dos libros.
share