Manuel Rivas foi galardoado co Premio Nacional das Letras Españolas correspondente ao ano 2024 a proposta do xurado reunido hoxe. Esta é a primeira ocasión en que un escritor galego, e con toda a súa obra escrita en galego, acada este recoñecemento.
O xurado destacou ao autor pola “extraordinaria calidade narrativa que conxuga a forza emocional e a beleza formal e pola solidez dunha traxectoria polifacética e coherente construída con sensibilidade e defensa da memoria histórica, da responsabilidade social e da lingua galega. Poucos autores do panorama literario español, baseados nun firme compromiso coa súa lingua, conseguiron acadar ese recoñecemento mundial”.
Ademais, o xurado sinalou que o seu traballo “acompaña o seu activismo, cunha pluma que, sen adoutrinamento, conmove as conciencias, induce á reflexión e estimula a reflexión cara á defensa da pluralidade lingüística e cultural e cara á igualdade de xénero. Manuel Rivas, cunha voz potente e singular, crea literatura e, con ela, sitúa de novo a escrita galega no Olimpo das Letras Nacionais.”
O premio, outorgado polo Ministerio de Cultura, está dotado de 50.000 euros. Distingue o conxunto da obra literaria, en calquera das linguas españolas, dun autor español, cuxa obra se considera parte integrante do conxunto da literatura española actual.
Na súa última edición, o galardón recoñeceu a Cristina Fernández Cubas, sumándose a unha longa lista de galardoados, entre os que destacan Luis Landero, Rosa Montero, José María Merino Sánchez, Luis Mateo Díez, Francisca Aguirre ou Bernardo Atxaga, entre outros.
Boa parte da obra de Manuel Rivas está publicada en Xerais. Deste xeito, en setembro publicou a súa nova novela, «Tras do ceo», na que reflexiona sobre a convivencia entre o humor e a violencia. Este é unha obra que forma parte dunha serie arredor da degradación do medio ambiente.
Biografía do autor
Manuel Rivas (A Coruña, 1957), escritor e xornalista. A súa obra, escrita en galego, está traducida a máis de trinta linguas e publicada polas máis prestixiosas editoras literarias do mundo. Como narrador ten publicado: Todo ben (1985); «Un millón de vacas» (1989), Premio da Crítica Española; «Os comedores de patacas» (1991); «En salvaxe compaña» (1994), Premio da Crítica Galicia; «Que me queres, amor?» (1996), Premio Torrente Ballester e Premio Nacional de Narrativa; «Bala perdida» (1996); «O lapis do carpinteiro» (1998), Premio da Crítica Española, Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Premio Arcebispo Xoán de San Clemente, Premio 50 aniversario da sección belga de Amnistía Internacional (2001); «Ela, maldita alma» (1999); «A man dos paíños» (2000); «As chamadas perdidas» (2002); «Contos de Nadal» (2003); «Os libros arden mal» (2006), novela, Premio Ánxel Casal ao Libro do Ano, Premio Irmandade do Libro ao Mellor Libro Galego do Ano, Premio da Crítica, Premio Mellor Libro do Ano Libreiros de Madrid, Premio da Crítica Galicia, Premio Losada Diéguez, Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega; «Todo é silencio» (2010), «As voces baixas» (2012), «O último día de Terranova» (2015) e «Vivir sen permiso e outras historias de Oeste» (2018). «Tras do Ceo» (Xerais, 2024) é a primeira novela dunha serie histórica que Manuel Rivas vertebra sobre o eixe da caza do home polo home e a depredación da natureza. Tamén é autor dunha extensa obra xornalística e poética en lingua galega. É codirector da revista «Luzes».
share