Tras do Ceo é o novo libro de Manuel Rivas. Trátase dunha novela negra radical que inicia un novo proxecto narrativo arredor da caza do home polo home e a depredación social e natural. A obra está xa nas librarías e nas próximas semanas o autor percorrerá varias cidades e vilas galegas para presentala ante o lectorado.
A trama transcorre nun entorno rural, coa aldea de Tras do Ceo como epicentro da historia. Unha cuadrilla de cazadores, urbanos e con relacións de amizade e negocios, participa nunha batida na que o obxectivo é O Solitario, un lendario porco bravo, considerado moi perigoso, a quen se lle atribúe unha morte e ataques a participantes noutras cazarías. No escenario agreste da batida, dúas mulleres sendeiristas afrontan unha situación de risco e os cazadores acoden na súa axuda. Despois, o que comeza sendo unha conversa informativa e amábel irá derivando nunha tensa discusión, sobre a caza e outros asuntos da vida, até chegar a un punto de violencia verbal. As mulleres, nai e filla, abraiadas pola situación, deciden fuxir. Dombodán, o máis novo da cuadrilla e o único que é natural de Tras do Ceo, vai narrando os feitos que se suceden nunha xornada trepidante. E faino cunha ollada propia, que perturba e engaiola a un tempo, levándonos da comedia ao inferno.
Sobre esa convivencia entre a comedia e a atrocidade pon o foco o autor, que trata nesta obra cuestións como o ecoloxismo, o abandono do rural, a violencia ou o machismo e o abuso de poder. Trátase dunha novela chea de humor e á vez salvaxe, sen edulcorantes. É ademais unha historia sobre a extinción das especies, pero tamén do humor, que Rivas presenta por momentos coma un mecanismo de contención da violencia e sempre como expresión de liberdade.
Presentacións
A primeira presentación da novela terá lugar o vindeiro mércores, 18 de setembro, ás 19 horas na libraría Cronopios de Santiago de Compostela. Manuel Rivas estará acompañado pola xornalista de Onda Cero Susana Pedreira e polo director de Xerais, Fran Alonso.
O 19 de setembro, o autor celebrará un encontro con libreiros e libreiras en Santiago de Compostela para falar do lanzamento da novela e o día seguinte, o venres 20 de setembro, terá lugar a presentación na cidade da Coruña. A cita será ás 19 horas na libraría Moito Conto e acompañando ao escritor estará a xornalista de La Voz de Galicia Ana Abelenda e o director de Xerais, Fran Alonso.
Tras do Ceo presentarase tamén na libraría Paz de Pontevedra o sábado 21 de setembro, nun Vermú entre libros en que Manuel Rivas estará acompañado polo crítico literario de Diario de Pontevedra Ramón Rozas. O encontro comezará ás 12.30 horas.
As presentacións continuarán en Sanxenxo (Hotel Justo, 25 de setembro ás 20.00 horas, organizado pola libraría Nós) e en Bueu (Centro Social do Mar, 26 de setembro ás 19.30 horas, organizado por libraría Miranda). Xa en outubro, Manuel Rivas presentará a súa nova novela no Club Faro, en Vigo (Museo do Marco, 11 de outubro ás 20 horas). Ao longo do outono continuarán os encontros arredor do libro por outros puntos da xeografía galega.
O autor
Manuel Rivas (A Coruña, 1957), escritor e xornalista. A súa obra, escrita en galego, está traducida a máis de trinta linguas e publicada polas máis prestixiosas editoras literarias do mundo. Como narrador ten publicado: Todo ben (1985); Un millón de vacas (1989), Premio da Crítica Española; Os comedores de patacas (1991); En salvaxe compaña (1994), Premio da Crítica Galicia; Que me queres, amor? (1996), Premio Torrente Ballester e Premio Nacional de Narrativa; Bala perdida (1996); O lapis do carpinteiro (1998), Premio da Crítica Española, Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Premio Arcebispo Xoán de San Clemente, Premio 50 aniversario da sección belga de Amnistía Internacional (2001); Ela, maldita alma (1999); A man dos paíños (2000); As chamadas perdidas (2002); Contos de Nadal (2003); Os libros arden mal (2006), Premio Ánxel Casal ao Libro do Ano, Premio Irmandade do Libro ao Mellor Libro Galego do Ano, Premio da Crítica, Premio Mellor Libro do Ano Libreiros de Madrid, Premio da Crítica Galicia, Premio Losada Diéguez, Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega; Todo é silencio (2010), As voces baixas (2012), O último día de Terranova (2015) e Vivir sen permiso e outras historias de Oeste (2018). Tras do Ceo (Xerais, 2024) é a primeira novela dunha serie histórica que Manuel Rivas vertebra sobre o eixe da caza do home polo home e a depredación da natureza. Tamén é autor dunha extensa obra xornalística e poética en lingua galega. É codirector da revista Luzes.
share