Cal é a orixe desta novela?
Despois de publicar o ano pasado a miña primeira novela, Non temerás os coches amarelos, quedei con gana de escribir outra historia de crime e investigación. Gustábame a idea de que as pescudas as fixese alguén alleo aos corpos e forzas de seguridade. Fun moi fan da serie Se ha escrito un crimen, innovadora no seu tempo porque a protagonista era unha muller, e
ademais maior, que escribía e investigaba pola súa conta. Xuntei esta idea con outra: a das mulleres que traballaron nas cooperativas téxtiles de Inditex. De aí xurdiu Detective Ferruchi, que é tamén unha homenaxe a unha comunidade, un pobo, que aínda hoxe sofre o racismo.
Influíu a túa profesión de xornalista á hora de escribir esta historia?
Os xornalistas por definición son, ou teñen que ser, persoas con curiosidade por todo, que se senten apaixonadas polas historias. Tanto, que ás veces no día a día dun xornal non hai tempo ou espazo para determinados temas. E aí aparece a literatura. Envorco nela os temas que ás veces no xornal resultan desprazados por outros.
O xurado destacou o ton cómico e o humor. Como o conseguiches?
Despois do meu primeiro libro quedei liberada de certos temas, había unha carga de dor que deixei atrás. Ademais, escribín Detective Ferruchi nunha licenza de traballo de tres meses. E saíu ese ton que atravesa toda a novela, o humor, a ironía e a retranca. É un humor que comparto, e supoño que tamén foi fomentado polo ánimo que tiña nese momento, froito de saber que me quedaban tres meses por diante nos que podía facer o que quixese. Unha sensación que libera á hora de escribir. Ter moitos días seguidos libres é básico para escribir. Como xornalista de prensa traballas pola mañá e pola tarde, os festivos e as fins de semana. Non é posible escribir unha novela por esa falta de continuidade, agás se o fas sacrificando as vacacións. E aínda así non chega.
Que significa para ti gañar o Premio Xerais de Novela?
É algo que nunca che pasa pola cabeza. Sobre todo como xornalista, porque sempre es ti a que escribe sobre o que fan os demais. Consultas a lista de gañadores e gañadoras e ves nomes que admiras, e pensas que a ver se se equivocaron os do xurado e mo deron nunha arroutada! (Ri). É unha honra, unha alegría, e supón unha responsabilidade, a de estar á altura. Son corenta anos do premio máis prestixioso das letras galegas e, por riba dos autores, hai que destacar o mérito da editorial por esta aposta pola lingua e a literatura galegas.
share