O equipo de Xerais lamenta o pasamento de Justo Beramendi, que se produciu na pasada noite. O historiador é autor dunha das obras referenciais do nacionalismo galego, publicada en Xerais e pola que acadou o Premio Nacional de Ensaio: De provincia a nación. Historia do galeguismo político (Xerais, 2007).
Justo Beramendi naceu en Madrid en 1941 pero converteuse en galego por decisión propia despois dunha longa traxectoria ligada ao estudo do nacionalismo galego. Foi catedrático emérito de Historia Contemporánea da USC, da que foi vicerreitor (1990-1994). Cofundador do Museo do Pobo Galego e presidente do seu Padroado. De feito, a dita institución outorgoulle a súa insignia de ouro hai só un ano.
Participou na creación das revistas Negaciones (Madrid, 1977), A Trabe de Ouro (Santiago, 1990) e Tempos Novos (Santiago, 1997). Especializado en historia das ideoloxías e dos nacionalismos, publicou entre outros libros e artigos, que hoxe chegan a case trescentos, Miseria de la Economía (1974) con E. Fioravanti, Vicente Risco no nacionalismo galego (1981), Galicia e a historiografía (1993), Ethnos versus Polis? On method and nationalism (1994), La historia política: algunos conceptos básicos (1999), La España de los nacionalismos y las autonomías (2001) con J. L. Granja e P. Anguera, A transición en Galicia (2007), A Galicia autónoma (2007) e De provincia a nación. Historia do galeguismo político (Xerais, 2007, 2021), obra pola que recibiu en 2008 os premios Nacional de Ensaio, Losada Diéguez de Investigación, AELG de Ensaio e da Crítica de Galicia en Investigación. Participou, entre outras, nas obras colectivas 15-M: O pobo indignado (2011), Á beira de Beiras. Homenaxe nacional (2011), Tempos chegados? Sobre o futuro político de Galiza (2015), As Irmandades da Fala (1916-1931) (2016) e Arredor das Irmandades da Fala (Xerais, 2016). Autor ou coautor das edicións críticas das obras de Losada Diéguez (Xerais, 1985), Ramón Villar Ponte, Peña Novo, Castelao e Risco. Organizou e coeditou as actas dos congresos Nacionalismos y regionalismos en la España de la Restauración (1983), Castelao (1986), Los nacionalismos en la España de la Segunda República (1988), Nationalism in Europe: Past and Present (1993) e Memoria e Identidades (2004). En 2008 recibiu o Pedrón de Ouro, en 2009 conseguiu o Premio Galiza Mártir da Fundación Alexandre Bóveda e en 2017 foille concedida a Medalla Castelao.
share