Xerais ten en marcha o proceso de elección das obras gañadoras dos Premios Xerais 2025, unha edición cunha participación de récord. Este ano optan aos premios 121 orixinais. Este é o número de manuscritos recibidos máis alto dos últimos anos. Os e as integrantes dos tres xurados xa teñen nas súas mans as obras orixinais que optan a acadar o Premio Xerais de Novela, o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e o Premio Merlín de Literatura Infantil. Deste xeito, os xurados declararán as obras finalistas na súa primeira reunión, que se celebrará na vindeira semana. Os finalistas daranse a coñecer na mañá do 19 de maio. Uns días despois terá lugar o segundo encontro en que se escollerán as tres obras gañadoras. O veredicto darase a coñecer a través das redes sociais e dunha nota de prensa que se difundirá na mañá do 24 de maio.
O xurado da XLII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e ao que concorren 58 obras, está formado por: Mar Mato (xornalista de Faro de Vigo), Bárbara Fernández López (correctora editorial e bookstagramer en @barbibooks), Aurora Prieto Tarrío (bibliotecaria da Biblioteca Pública de Verín), Ana Viqueira (xornalista en Nós TV), Xosé Antón Pedreira Mirás (libreiro en libraría Pedreira) e Xosé Manuel Moo, secretario do xurado, en representación de Edicións Xerais de Galicia, con voz e sen voto.
O xurado da XVII edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e ao que concorren 26 obras, está formado por: Jorge Rodríguez Durán (escritor), Mencía Jorge Cabaleiro (bookstagramer en @lua_soto7 e estudante de Filoloxía), Iria Gondar Iglesias (educadora social), Salomé Díaz Muñiz (profesora de lingua e literatura galega), María Bueno Seguín (xornalista), e Ramón Domínguez, secretario do xurado, en representación de Edicións Xerais de Galicia, con voz e sen voto.
O xurado da XL edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e ao que concorren 47 obras, está formado por: Ánxeles Barja Sierra (bookstagramer en @lendo_libros), Blanca Millán (ilustradora), Rosa Ana Porto Martínez (libreira en Librería Porto), Reme Vázquez (bibliotecaria infantil da rede de bibliotecas municipais da Coruña), Guillerme Rodríguez Osorio (mestre de Educación Primaria) e Anaír Rodríguez, secretaria do xurado, en representación de Edicións Xerais de Galicia, con voz e sen voto.
share