O noso responsable de Administración e Dereitos de autor di adeus a Xerais despois de 41 anos de traballo na editorial con motivo da súa xubilación. A traxectoria de Siro Iglesias Izquierdo forma parte xa do ADN de Xerais dende que en outubro de 1983 entrase a formar parte do equipo da editorial cun contrato de tres meses que se prolongou ata agora. Coñece cada recuncho desta casa e foi testemuña da súa historia, xa que chegou só catro anos despois da fundación do selo.
Siro Iglesias é responsable de todas as cuestións administrativas de Xerais, do seguimento dos contratos, do relacionado cos dereitos de autoría, do mantemento loxístico e informático... entre outras moitas responsabilidades.
En definitiva, se tivésemos que definir a Siro cunha única palabra, poderíamos chamalo o noso Superman. Que hai que resolver un imprevisto? Siro. Que hai un problema informático? Siro, claro. Que se deben resolver problemas de loxística? Siro, quen se non? Que hai que solicitar e xestionar facturas? Siro. Que se lle debe explicar a un autor/a algo sobre o pago de dereitos? Siro, claro. Que hai que loitar cunha plataforma dixital? Siro é quen sabe como. Que hai que vender libros? Siro, que é todo simpatía. Que se necesita actualizar o perfil dun autor na web? Siro. Que hai problemas para manexar calquera das nosas aplicacións internas? Siro. Que hai que asignar un ISBN e un Depósito legal a un libro? Por suposto, Siro. Siro, sempre Siro. El sempre foi o Superman de Xerais, o que estaba disposto a axudar, o que tiña a solución a man. Siro é sinónimo do traballador eficaz e do compañeiro que sempre estaba aí. Estamos moi felices de que comece esta nova etapa!
Como homenaxe, entregámoslle unha obra feita por Xosé Cobas para a ocasión, Metáfora dunha viaxe, un óleo que simboliza o paso de Siro pola editorial.
Sen dúbida ningunha, botarémolo de menos. A partir de agora, Ania Pereira será a nova responsable do departamento de administración, polo que lle desexamos unha feliz traxectoria acompañándonos nesta fermosa aventura editorial que é Xerais.
share