Tras do Ceo, a novela máis recente de Manuel Rivas xa está dispoñible en versión audiolibro dende hoxe mesmo. A obra foi publicada en setembro de 2024 en papel e, despois duns meses de traballo, agora tamén pode escoitarse na voz de Gaspar Somoza. O actor de dobraxe, cunha ampla traxectoria en series e cine, pon voz a Dombodán, protagonista e narrador desta novela negra sobre a depredación social e natural. O propio actor dirixiu a produción da peza, que foi gravada nas instalacións de Studio XXI e ten unha duración de cinco horas. O audiolibro está dispoñible dende hoxe na plataforma Rakuten Kobo para a súa compra.
O propio autor define a obra como unha novela negra radical, coa que inicia un novo proxecto narrativo arredor da caza do home polo home. A trama transcorre nun contorno rural, coa aldea de Tras do Ceo como epicentro da historia. Unha cuadrilla de cazadores, urbanos e con relacións de amizade e negocios, participa nunha batida na que o obxectivo é O Solitario, un lendario porco bravo, considerado moi perigoso, a quen se lle atribúe unha morte e ataques a participantes noutras cazarías. Dombodán, o máis novo da cuadrilla e o único que é natural de Tras do Ceo, vai narrando os feitos que se suceden nunha xornada trepidante. E faino cunha ollada propia, que perturba e engaiola a un tempo, levándonos da comedia ao inferno.
Sobre esa convivencia entre a comedia e a atrocidade pon o foco o autor, que trata nesta obra cuestións como o ecoloxismo, o abandono do rural, a violencia ou o machismo e o abuso de poder. Trátase dunha novela chea de humor e á vez salvaxe, sen edulcorantes. É ademais unha historia sobre a extinción das especies, pero tamén do humor, que Rivas presenta por momentos como un mecanismo de contención da violencia e sempre como expresión de liberdade.
Tras do Ceo converteuse nestes meses nun verdadeiro fenómeno editorial con preto de 10.000 exemplares vendidos dende a súa publicación hai un ano.
O autor
Manuel Rivas (A Coruña, 1957), escritor e xornalista, recibiu en 2024 o Premio Nacional das Letras Españolas en recoñecemento a toda a súa traxectoria. O xurado recoñeceu a “extraordinaria calidade narrativa que conxuga a forza emocional e a beleza formal e a solidez dunha traxectoria polifacética e coherente construída con sensibilidade e defensa da memoria histórica, da responsabilidade social e da lingua galega. Poucos autores do panorama literario español, baseados nun firme compromiso coa súa lingua, conseguiron acadar ese recoñecemento mundial”. Deste xeito, converteuse no primeiro escritor galego, coa súa obra escrita en galego, que acada este recoñecemento.
A súa obra está traducida a máis de trinta linguas e publicada polas máis prestixiosas editoras literarias do mundo. Como narrador publicou: Todo ben (1985); Un millón de vacas (1989), Premio da Crítica Española; Os comedores de patacas (1991); En salvaxe compaña (1994), Premio da Crítica Galicia; Que me queres, amor? (1996), Premio Torrente Ballester e Premio Nacional de Narrativa; Bala perdida (1996); O lapis do carpinteiro (1998), Premio da Crítica Española, Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Premio Arcebispo Xoán de San Clemente, Premio 50 aniversario da sección belga de Amnistía Internacional (2001); Ela, maldita alma (1999); A man dos paíños (2000); As chamadas perdidas (2002); Contos de Nadal (2003); Os libros arden mal (2006), Premio Ánxel Casal ao Libro do Ano, Premio Irmandade do Libro ao Mellor Libro Galego do Ano, Premio da Crítica, Premio Mellor Libro do Ano Libreiros de Madrid, Premio da Crítica Galicia, Premio Losada Diéguez, Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega; Todo é silencio (2010), As voces baixas (2012), O último día de Terranova (2015) e Vivir sen permiso e outras historias de Oeste (2018). Tras do Ceo (2024) é a primeira novela dunha serie que Manuel Rivas vertebra sobre o eixe da caza do home polo home e a depredación da natureza. Tamén é autor dunha extensa obra xornalística e poética en lingua galega. É codirector da revista Luzes.
share