O xurado da XLIII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e ao que concorren 50 obras, escolleu os manuscritos cos lemas A boca do río, A coidadora da que ninguén coidaba e Redención como finalistas desta edición. Os seus integrantes son Luis Losada Rodríguez (mestre xubilado, mantén o podcast Palabras voadoras), Ruth Oliveira Martínez (correctora editorial e bookstagramer en @rutholiveira), Laura Montes (profesora de Lingua Galega e Literatura), Andrea Quintáns Rey (libreira na Librería Libraida de Gondomar), Helena Miguélez Carballeira (catedrática Emérita da Bangor University, experta en Estudos Galegos) e Xosé Manuel Moo, secretario do xurado, en representación de Edicións Xerais de Galicia, con voz e sen voto.
O xurado da XLI edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, ao que concorren 36 obras, seleccionou as que teñen como lema De cando o mar chamou á miña porta, Trapalleira e Vida e opinións de Otto Mazaira. O grupo está formado por: Lucía Barrios (ilustradora), Beatriz Quintela Fernández (mestra de Educación Primaria e coordinadora da biblioteca e do programa Lectura e familias do CEIP Plurilingüe Santiago de Oliveira), Ana Arias Castro (profesora de Ensino Secundario e bookstagramer en @nadamellorcaler), Leonardo Ezequiel Casado (xestor cultural e libreiro na Libraría Galgo Azul), Aida Espada (mestra de Educación Primaria e membro da asociación Espazo Lectura) e Anaír Rodríguez, secretaria do xurado, en representación de Edicións Xerais de Galicia, con voz e sen voto.
O xurado da XVII edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, ao que concorren 27 obras, escolleu os manuscritos cos lemas Melva Bermúdez, Ornis e Selepismo. O xurado fórmano Miguel Calvo Marques (escritor e orientador educativo no Equipo de orientación específico de Pontevedra, especialidade trastornos de conduta), Silvia Veiga Cidrás (bookstagrammer @meslivresettoi), Valeria Gutiérrez Caneda (estudante e escritora), Senén Costas Sánchez (profesor de Ensino Secundario), Juan Pablo Rodríguez Santiago (libreiro na libraría Galgo Azul) e Ramón Domínguez, secretario do xurado, en representación de Edicións Xerais de Galicia, con voz e sen voto.
A próxima reunión dos xurados terá lugar a vindeira semana e o veredicto darase a coñecer o sábado 23 de maio pola mañá. Como xa é habitual, os premios entregaranse nun acto no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, o 10 de outubro, xa cos libros editados e publicados.
share