A dirección e o equipo de Xerais lamenta profundamente o falecemento no día de onte en Panxón do escritor Bernardino Graña aos 92 anos de idade. En Xerais permanecerá na nosa memoria como un gran escritor e a persoa afable, divertida e comprometida que foi, capaz de provocar unha enorme empatía a través do seu trato.
Bernardino Graña Villar (Cangas, 1932) foi Premio Merlín de Literatura Infantil en 1993 coa obra O gaiteiro e o Rato Pérez, que se publicou ilustrado por Mª Fe Quesada. Ao longo dos anos o escritor de Canga foi publicando en Xerais boa parte da súa obra infantil: O león e o paxaro rebelde (1990), Xan Guindán, capitán (1991), Oso mimoso (1992), Cristo e San Pedro, peregrinos (1994), Rata linda de Compostela (1994, 2009), así como O Quirico lambón (1997).
Xerais publicou o seu libro de poemas Se o noso amor e os peixes (1980) na colección Ventobranco apenas uns meses despois da fundación da editorial. Posteriormente, en 1995 a colección BLG deu luz á reedición de Profecía do mar a mans de Xosé M. Millán Otero. A colección de Poesía de Xerais acolleu tamén en 2008 o poemario Acendede as almenaras.
O Bernardino Graña narrador tamén ocupou un espazo relevante no catálogo de Xerais, reeditando en 1989 os relatos de Fins do mundo, publicados inicialmente por Brais Pinto en 1974; e publicando as súas novelas Protoevanxeo do neto de Herodes (2006), gañadora do II Premio Eixo Atlántico-La Voz de Galicia-Público de Narrativa en Galego; e O neno mariñeiro (2017), un libro de carácter autobiográfico, unha pequena alfaia na liña de recuperación da súa memoria persoal que xa levara a cabo en Fins do mundo.
A colección BLG acolleu tamén a edición crítica de Vinte mil pesos crime (2005), feita por Heitor Mera; quen tamén publicou en Xerais o libro Conversas con Bernardino Graña (2005), en coautoría con Rafael Fernández Lorenzo.
share