Xerais anuncia a publicación en galego do Volume 6 de Heartstopper, a entrega final da celebrada serie de novelas gráficas de Alice Oseman. O título chegará ás librarías galegas o 2 de xullo de 2026, coincidindo coa súa saída internacional, e culminará así o traballo de tradución íntegra da saga ao galego, un compromiso que a editora mantén desde 2024. Nee Barros foi a persoa encargada da tradución, coa colaboración de Éric Dopazo, de todos os número publicados ata o de agora.
Con esta última entrega, Xerais completa a publicación dunha das obras xuvenís máis influentes da última década. Entre 2024 e 2025, a editorial editou en galego os cinco volumes anteriores, que axiña se converteron en lecturas de referencia para públicos novos e adultos en Galicia.
.jpg)
Un éxito editorial sen precedentes
A serie Heartstopper supera os 10 millóns de exemplares vendidos en todo o mundo, consolidándose como un fenómeno cultural global que transcende o formato da novela gráfica. A historia do Nick e o Charlie inspirou adaptacións televisivas de grande impacto, mobilizou comunidades lectoras internacionais e ampliou o canon das narrativas LGBTQIA+ accesibles ao público máis novo.
O Volume 5 acadou un fito histórico ao se converter na novela gráfica máis vendida de todos os tempos no Reino Unido, liderando tamén as listas infantís e xuvenís. En Galicia, os cinco volumes publicados ata o de agora suman milleiros de vendas.
A expectación polo Volume 6 é extraordinaria: o anuncio da súa publicación no Instagram de Alice Oseman superou as 2,8 millóns de reproducións e acumulou máis de 258.000 “gústame”.
share