Logo Xerais

Xerais: quen somos?

Xerais: 40 anos de edición en lingua galega

EDICIÓNS XERAIS DE GALICIA, S.A. é unha empresa editorial de carácter xeralista, fundada en 1979 que se dedica á edición de libros en lingua galega.
A súa misión fundacional foi non deixar baldeiro campo ningún da comunicación impresa necesaria para Galicia.
Edicións Xerais de Galicia forma parte, dende a súa fundación, de Grupo Anaya.
Edicións Xerais de Galicia ten os seus locais na cidade de Vigo, na rúa Doutor Marañón nº 10, desenvolvendo a súa actividade promocional ao longo de todo o territorio de Galicia.

Xerais: un catálogo en lingua galega diversificado

De 1979 a 2019 Edicións Xerais de Galicia publicou preto de catro mil trescentos títulos. Vendeu once millóns oitocentos mil exemplares e editou a obra de mil trescentos cincuenta autores e autoras. A maior parte dos títulos foron publicados en lingua galega, anque ao longo dos anos editorial tamén publicou algúns en castelán, portugués e inglés. Xerais edita nos soportes impreso e dixital.

Empresa de vontade educativa, dende 1980 está especializada na edición de libros de texto en lingua galega. Na actualidade ten unha completa oferta de materiais didácticos para o ensino da lingua galega no ensino non universitario, que abrangue todos os cursos da Educación Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato.

No ámbito da edición xeral, Edicións Xerais de Galicia posúe un extenso catálogo literario que aborda todos os xéneros (narrativa, poesía, teatro, xornalismo, clásicos da literatura galega...), lexicográfico (dicionarios e vocabularios), universitario, infantil e xuvenil.

Contacta con nós: enderezos do cadro de persoal