Autor/a
AveLina Pérez
AveLina Pérez (Santa María de Oia, 1969) formouse en interpretación pola escola Santart e está titulada en dirección de escena e dramaturxia pola ESAD de Galicia. Directora da compañía Teatro do Lume, reconduciu o seu traballo cara a un novo proxecto de creación co seu propio nome. É directora, dramaturga e actriz das pezas «Deixa de Tocala, Sam», «Os cans non comprenden a Kandinsky» (Premio Coiro de Pita 2018, da Sala Ingrávida), «A que non podes dicir cocacola?», «Gañaremos o pan coa suor da túa fronte» e «Vaguedás». Acadou varios premios en dramaturxia breve e radio teatro. Recentemente recibiu o premio Abrente de textos teatrais 2018 coa peza «O día no que bicar a terra». Aberta a calquera definición, di de si mesma: «Cunha concepción teatral moi ligada ao terreal, ao social, na busca de converter o cotián en extracotián, e sempre transitando por un humor acedo e duro, concibo a escena como un lugar de encontro, un lugar no que a dignidade exista inda que estea camuflada, agochada, deformada, pero sempre presente».