Autor/a
Celso Emilio Ferreiro
Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1912-Vigo, 1979) iniciou desde moi novo unha actividade política e literaria que estaría sempre marcada polo compromiso co país. Cando estalou a guerra, foi obrigado a se incorporar ao exército franquista, condenado a morte e posteriormente indultado. En 1948 fundou en Pontevedra a colección Benito Soto. Establecido en Vigo desde 1949, publicou "O soño sulagado" (1954, Xerais 1991) e dirixiu a colección de poesía Salnés, onde saíu "Longa noite de pedra" (1962, Xerais 1990, Xerais 2002). O impacto desta obra foi enorme, esgotada e multicopiada de man en man. Celso Emilio pasou a ser o símbolo da corrente socialrealista. En 1966 marchou a Caracas, onde se enfrontou co sector máis reaccionario da colectividade galega, contra o que escribiu "Viaxe ao País dos Ananos" (1968, Xerais 2004), poemario co que inicia un rexistro satírico que continuará en "Cantigas de escarnio e maldicir" (1968), no romance de cego "Paco Pixiñas" (1970), en "Os autentes" (1973) e mais en "Antipoemas" (1972). En 1973 instalouse en Madrid. Son desta época os poemarios "Cimenterio privado" (1973), "Onde o mundo se chama Celanova" (1975, Xerais 1991) e o "Libro dos homenaxes" (1979). Como narrador publicou dous únicos libros: "A fronteira infinda" (1972, Xerais 1988) e "A taberna do galo" (1978). Con motivo do vinte e cinco aniversario do seu pasamento, Xerais iniciou a edición das súas obras completas, das que se levan publicado os volumes "Obra narrativa" (Xerais 2003), "Poesía galega completa" (Xerais 2004), "Semblanzas, crónicas e artigos" (Xerais 2005) e, agora, "Birimbao. Poemas de mí para ti (1937-1939)" (Xerais 2020).