Autor/a
Evaristo Domínguez Rial
Domínguez Rial, Evaristo (Gándara, Zas, A Coruña, 1956) estudou Maxisterio (1978) na Coruña e Xeografía e Historia na Universidade de Santiago (USC), onde se licenciou en 1982, ano en que defendeu a súa tese de licenciatura. Formou parte do equipo que redactou os programas de CC.SS. do Ciclo Medio da EXB, na reforma previa á entrada en vigor da LOXSE. Redactou varias voces para a Gran Enciclopedia Gallega (Terra de Soneira, Comarca do Xallas, etc.) e publicou artigos de divulgación en La Voz de Galicia e Diario de Bergantiños. Tamén realizou traballos de investigación sobre os concellos de Zas (O Concello de Zas, na terra de Soneira) e Coristanco e impartiu charlas para o CEFORE (Centro de Formación e Recursos, para o formación do profesorado). Así mesmo colaborou no proxecto da USC "Conservación e revalorización socicultural do Patrimonio Megalítico da Costa da Morte" (2001-2004) dirixido por Rodríguez Casal. No 2010 publicou en colaboración con autores da zona " A terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte". No ano 2012 vén de publicar en Cadernos de Fraseoloxía Galega, 13 un total de 600 frases e expresións propias de Coristanco e Carballo, xunto cuns 2.400 ditos e refráns recollidos na zona. Ten recompiladas e pendentes de publicación preto de 4.000 cantigas populares recollidas no concello de Coristanco. Na actualidade é profesor no CEIP de Bormoio-Agualada (Coristanco)