Autor/a
Helena González Fernández
Helena González Fernández (Vigo, 1967) é profesora titular de literatura galega na Universidade de Barcelona e investigadora do Centre Dona i Literatura; especializouse en poesía contemporánea e crítica literaria feminista. En 1999 defendeu a súa tese de doutoramento, «Mulleres atravesadas por unha patria. Poesía galega de mulleres entre 1975 e 1997». Entre os seus libros cómpre citar «Luís Seoane: vida e obra» (1994), «Unha lectura de Códice calixtino de Luz Pozo Garza» (Xerais, 1997), a edición crítica de «De catro a catro» (1998) de Manuel Antonio e «Rosalía feminista» (Xerais, 2019). Como antóloga preparou unha escolma da poesía de Rompente con Iris Cochón, «Upalás» (Xerais, 1998), «Rías de tinta» (1999) con Marta Segarra e Francesco Ardolino, e mais «A tribo das baleas» (Xerais, 2001), unha antoloxía trilingüe da poesía galega dos anos 90. Entre os seus artigos máis recentes salientan as colaboracións en «Escrita e mulleres. Doce ensaios arredor de Virginia Woolf» (2003), e mais na «Breve historia feminista de la literatura española (en lengua catalana, gallega y vasca)». Vol. VI (2000) coordinado por Iris Zavala. Forma parte do equipo de redacción dos catro volumes do «Diccionario da literatura galega» (1995-2004) dirixido por Dolores Vilavedra, e traduciu ao galego «Capital da dor» de Paul Éluard, con Laurence Brault e «Vista Chinesa» (Xerais, 2025), de Tatiana Salem Levy. Pertence ao consello de redacción do «Anuario Grial de Estudos Literarios Galegos», onde colabora desde 1992 cunha panorámica anual de poesía, e mais «Lectora. Revista de Dones i Textualitat». Na actualidade desenvolve o seu labor como crítica literaria en «Grial». Foto da autora: Ramon Moretó.