Autor/a
Manuel Lourenzo González
Manuel Lourenzo González (Vilaboa, Pontevedra, 1955) é licenciado en Pedagoxía e catedrático de Lingua Galega e Literatura. Como escritor, publicou os libros de relatos para adultos "Algúns outros" (1991); "Da esfinxe" (1992); "As paisaxes compartidas" (1996), Premio Carvalho Calero; "Noites de papel" (1997), Premio Café Dublín; "Infidelicidades" (2002), Premio Narrativas Quentes; e as novelas "Arqueofaxia" (Xerais 1995), Premio Manuel García Barros; "O xardín das pedras flotantes" (Xerais 2008), Premio Xerais de Novela; Atl (Xerais 2012), Premio Blanco Amor de Novela, e "Cegoñas ao fondo da ría" (2015). No ámbito da literatura xuvenil, é autor das novelas "No outono das fragas" (1995); "Tanis I o Mocos" (Xerais 1998); "O que é a vida" (Xerais 2001); "Estanislao, príncipe de Sofrovia" (Xerais 2002); "Irmán do vento" (Xerais 2003), Premio Merlín e Premio Frei Martín Sarmiento; "Ela atopa un nome" (2005); "Unha pantasma no colexio" (2006); "O día despois do día" (2007); "Mundo Arb" (2011), Premio O Barco de Vapor; "Flor de área" (Xerais 2013) e "Ceiba de Luz" (Xerais 2017), Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil; algunhas das cales foron traducidas ao castelán.
Como autor de libros infantís, publicou "Animais de compañía" (1998), seleccionado para o catálogo White Ravens 2000; "O patadón" (2001 Xerais); "Piñeco" (2004), e unha versión do clásico "A leiteira" (1999). No campo do teatro, é autor de "Auto do Entroido" (1995), Premio O Facho e "A música da noite" (2001), Premio Estornela. Ademais, ao longo destes anos participou en numerosos libros colectivos, como "Muralla de Cresconio 2", "Galicia Solidariedade", "Premios Pedrón de Ouro 1990-1991", "Unha liña no ceo. 58 narradores galegos", "Novo do trinque", "Contos de chistes, portas e sorrisos", "Educación e Paz III. Literatura galega pola paz", "Limiaxinacións", e en publicacións periódicas, entre as que destacan as súas colaboracións na revista de humor "Retranca" (anos 2007- 2010). É coautor de libros para o ensino da lingua e a literatura na ESO (Xerais 1995-1998) e autor de artigos e textos de moi diverso carácter.