Autor/a
Manuel Rico Verea
Manuel Rico (Boimorto, 1948). Desenvolve a súa actividade docente en Madrid, no País Vasco e, a partir de 1978, en Galicia, onde se implica directamente no proceso de normalización da lingua galega. Este compromiso coa cultura propia lévao a desenvolver unha actividade de creación, investigación e publicación de obras sobre a lingua e a literatura galegas, así como sobre a música tradicional, atendendo á súa aplicación pedagóxica. É autor ou coautor de publicacións didácticas pioneiras como a «Guía didáctica de preescolar Puff» (1981), «Cantares» ou o nivel 4 de «O noso galego», editado por Xerais. En formato libro, de contido musical, publica o «Cancioneiro popular das terras do Tamarela», «Imos canta-los nadais», «Tantarantán, tarantán, tarantiña», «Eu non canto por cantar», cancioneiro xeral, «Heiche cantar un conto», cancioneiro infantil galego, «Cantos de berce» e, agora, «Eu ben vin, virivín. Cancioneiro infantil para dicir, contar e cantar» (Xerais, 2018).
Así mesmo, é tradutor, coordinador de coleccións literarias e de suplementos culturais. Formou parte do grupo musical A Quenlla e actualmente dirixe un taller experimental de música tradicional que publica varios documentos sonoros, entre os que destacan «A pulguiña e o pulgón», «Cantares», «Arrolín, arrolán», «Vente vindo, ven cantando» e «Cantos de berce tradicionais».
Pola súa actividade cultural na radio e na prensa, recibiu o Premio do Ministerio de Cultura ao mellor labor cultural continuado no ano 1985, o Premio do Ministerio de Cultura ao mellor programa radiofónico no ano 1987 e o Premio Xunta de Galicia de xornalismo polo mellor programa musical do ano 1989, que se emitiu en Radio Nacional de España en Galicia.