Autor/a
Marleen MaLone
(Marleen MaLone) Iolanda Zúñiga (Vigo, 1975) non foi culpable de malograr a súa vida. Foron os planetas quen se aliñaron o día do seu nacemento co fin de estampala contra a necesidade creativa. Subornou a unha astróloga para que lle refixese a carta astral, sen resultado favorable: o signo zodiacal Acuario, con ascendente en Acuario, aferrábase a ela, impedíndolle unha existencia ortodoxa. Na busca dun porvir común, obviou a quiromancia (sempre tiña as mans sucias) e a cafeomancia (a cafeína alterábaa). Suplicoulle, entón, a unha vidente, que lle augurara un futuro máis pragmático que quimérico. Nin a bóla de cristal nin o tarot a compraceron. Foi nunha terapia de regresión onde comprendeu todo: na súa vida anterior fora unha vedete, de nome artístico Marleen MaLone, á que lle encomendaran a misión de distraer as tropas no tempo da guerra. Tan ben desempeñara o seu papel que os soldados esqueceran lanzar bombas, pois andaban atarefados en desatoar os canos dos seus pistolos. Foi a bibliomancia quen lle puxo título a este manual cando a autora abriu un libro de Félix Rodríguez de la Fuente e, cos ollos pechados, sinalou co dedo unha frase: «O ruxir das femias en celo durante as noites de safari.» En Xerais, publicou o libro de relatos "Vidas post-it" (2007), o poemario "Amor amén" (2008), "Periferia" (Premio Xerais de Novela 2010) e ''Noites de safari'' (Xerais, 2018).