Autor/a
Perfecto Conde
Perfecto Conde naceu en Xinzo (A Pontenova, Lugo) o 13 de abril de 1943. Estudou Filosofía e Letras en Santiago e Xornalismo na Escola de Xornalismo da Igrexa de Madrid. Comezou o seu traballo de xornalista no desaparecido "Diario SP" de Madrid. Foi secretario de Redacción da revista "Chan", que dirixía o histórico Borobó, e traballou para TVE, a BBC, a Televisión Française 1, a Radiodifusão Portuguesa, os semanarios "Triunfo", "Cambio 16", "Gaceta Universitaria", "Teima", "Qué" e "Tiempo" e para os xornais "La Región", "El Progreso", "Avui" e "El Periódico de Cataluña". Dirixiu a primeira redacción da Gran Enciclopedia Gallega, editada por Silverio Cañada.
Foi o primeiro correspondente do xornal "El País" en Galicia, ata 1982, delegado do Grupo Zeta en Galicia ata 1984, e redactor do semanario "Interviú", publicación na que exerceu os cargos de xefe de Investigación e redactor xefe de Sucesos ata 1995. De volta a Galicia, foi director da revista "Gam" e xefe de Comunicación do Concello de Ferrol. Rematou a súa carreira profesional como redactor do semanario "A Nosa Terra".
É autor dos seguintes libros: "Galicia, realidad y conflicto social" (coautor, 1978), "Galicia infinda" (1994) e "La conexión gallega, del tabaco a la cocaína" (1991). Traduciu ao castelán o libro de Anne Marie Thiesse "La creación de las identidades nacionales" (2010) e "La isla de Rocamir" de Jean Ray (1972).