Autor/a
Ray Bradbury
Ray Bradbury (Waukegan, Illinois, 1920 - Os Ánxeles, 2012) novelista, poeta, escritor de contos curtos, ensaios, obras de teatro e guións para o cine e a televisión. Está considerado como un dos máis importantes escritores de ciencia ficción do século XX. En 1989 foi nomeado Gran Mestre da SFWA (Asociación Estadounidense de Autores de Ciencia Ficción) e en 1999 recibiu o premio SF Hall of Fame por toda a súa carreira. Entre a súa extensa obra narrativa, formada por máis dunha trintena de obras, podemos citar os libros de relatos O home ilustrado (1950), Crónicas marcianas (1950, tradución galega, Xerais, 2004) e a novela Fahrenheit 451 (1953, tradución galega, Xerais, 2005), unha distopía nun tempo en que os libros están prohibidos e un grupo secreto de activistas da lectura os memoriza e loita por transmitir o coñecemento de boca en boca. Así mesmo, é o autor do guión de Moby Dick (John Huston, 1956) e de varias historias televisivas para Alfred Hitchcock. Tamén planificou o escenario dunha atracción moi popular de Disney World sobre as viaxes espaciais e mais o pavillón estadounidense para a Exposición Mundial de Nova York de 1964. Non obstante, Bradbury recibiu unha das maiores homenaxes á súa carreira cando un dos astronautas da tripulación do Apolo chegou á Lúa e bautizou un cráter co nome de Dandelion en referencia á súa novela Dandelion Wine.