Autor/a
Salma
SALMA (Thuvarankurichi, 1970) é unha das escritoras támiles máis relevantes do actual panorama literario indio. Provén dunha familia tradicional musulmá e dunha aldea próxima á cidade de Tiruchirapalli e como moitas mozas da súa rexión non rematou a escala primaria. Aínda así, dende os trece anos comezou a escribir poesía e máis adiante a publicar en revistas literarias. Durante anos escribiu na clandestinidade, pola oposición da súa familia. A súa obra foi obxecto de críticas destrutivas en sectores literarios polo uso da sexualidade feminina dunha maneira aberta na súa obra e tamén polo contido feminista dos seus escritos.
Salma ten publicadas varias antoloxías poéticas, e agora presentamos a súa novela Irandaan Jaamangalain Kathai (Despois da medianoite), en tradución de María Reimóndez. Ela representa a única voz de muller musulmá no panorama literario de Támil Nadu.
En 2001 accedeu de xeito accidental (pola obrigada cota de xénero na India) á política; comezou sendo membro do Panchayat (asemblea local) para converterse logo en candidata polo seu distrito electoral polo DMK (Dravida Munnutra Kazhagam, partido nacionalista támil laico e progresista), ata chegar a ser directora xeral de Asuntos Sociais de Támil Nadu, cargo que ocupa na actualidade.