Autor/a
Xosé Durán
Xosé Durán (Cuntis, 1957) é licenciado en Química e en Xornalismo e traballou desde comezos dos anos oitenta en medios de comunicación falados e escritos como Radio Pontevedra, Radio Noroeste ou Faro de Vigo, na delegación de Pontevedra. En 1985 incorporouse á Televisión de Galicia, onde exerceu de redactor xefe de deportes, ademais de diversos programas e de novas canles e Internet. Nesa mesma casa dirixiu CienciaNosa, Vivir Aquí ou Vivir o Mar, ademais de diversos especiais informativos e deportivos, e documentais sobre autores homenaxeados no Día das Letras Galegas. Son da súa autoría o libro de relatos de ficción científica O Asasino Invisible (1998), a biografía Roberto Blanco Torres. Xornalista e Poeta (1999), o ensaio A televisión, as novas tecnoloxías e a conduta dos nenos (2004) e mais a peza de teatro escolar A lección máis solidaria (2007). Foi autor do primeiro audiolibro galego situado nunha tenda virtual (iTunes), para descargas por ordenador, segundo Manuel Gago, do Consello da Cultura Galega.