Autor/a
Xulio Carballo
Xulio Carballo Dopico (A Coruña, 1978) é licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade da Coruña e en Teoría da Literatura e Literatura comparada pola Universidade de Salamanca. En 2015 doutorouse coa primeira tese arredor da banda deseñada galega, sobre a que leva publicado numerosos artigos e impartido conferencias nas universidades de Barcelona, Oxford, Lisboa e Salamanca, entre outras. En 2016 comisariou a exposición «BDG 70: a revolta do cómic galego» para a Sala Normal (espazo de intervención cultural da Universidade da Coruña). É membro da Asociación de Críticos y Divulgadores de Cómic (ACDCómic) e colaborador científico do grupo de investigación da USC «Intermedialidade, adaptación e transmedialidade no cómic, o videoxogo e os novos medios». Colabora tamén no xornal «Sermos Galiza» cunha columna dedicada á banda deseñada galega. Actualmente traballa como profesor de Lingua e Literatura galegas no ensino medio.