Autor/a
Manuel Curros Enríquez
Manuel Curros Enríquez (Celanova, 1851-Cuba 1908) instalouse en Madrid a fins de 1866, onde se fixo bacharel e comezou a carreira de Dereito, ao tempo que se implicaba na vida política e colaboraba na prensa. Nesta época acuñou a súa ideoloxía republicana e progresista que caracterizou toda a súa obra poética e xornalística. A súa relación neste período coa lingua e a cultura galega era simplemente afectiva, de feito compuxo "A Virxe d'o Cristal", "O gueiteiro" e "Unha boda en Einibó" para as presentar a un concurso por petición da nai. O concurso fallouse en 1877, ano en que Curros se instalaba en Ourense como funcionario na Delegación de Facenda. Nesta etapa ourensá, poderá aplicar á realidade galega a súa ideoloxía progresista, e este confronto aproximará Curros aos rexionalistas. Aquí compuxo o seu poemario Aires d'a miña terra (1880, Xerais 1990) que alcanzou inmediatamente un enorme éxito, acrecentado pola denuncia do bispo de Ourense, que solicitaba que fose confiscado e que o incluía no índice de libros prohibidos. Curros foi xulgado e absolto. A obra sería reeditada en 1881 e en 1886 con novas contribucións poéticas. Cesado no seu posto de Facenda en 1883, Curros volveu instalarse en Madrid. Alí traballou como xornalista, primeiro en El Porvenir e despois en El País, ao tempo que preparaba O divino sainete (1988, Xerais 1990). A crítica española recibiu este novo libro con eloxios, mais os amigos rexionalistas de Galiza cubriron a publicación cun veo de silencio. A pesar diso, Curros era un poeta recoñecido e foi coroado en Madrid, en 1893. En 1894 Curros emigrou a Cuba. Alí dirixiu La Tierra Gallega e, cando esta publicación desapareceu, entrou na redacción de El Diario de las Familias , e despois no Diario de la Marina. A súa estancia cubana coincidiu co momento máis activo do movemento independentista, o que o levou a reflectir sobre o imperialismo; de feito, en Cuba espallou os ideais de rexeneración para Galiza e todas as iniciativas culturais: era xa máis rexionalista que republicano. A clareza e enerxía con que defendía o seu ideario, a súa rebeldía, creáranlle problemas ao longo de toda a súa vida, e a situación volveu repetirse na emigración cubana: fora acollido con entusiasmo e acabou enfrontado con case todo. En 1904 volvía á Coruña, quizá coa intención de ficar. Foi recibido de novo con mostras de entusiasmo, coroado por segunda vez, mais non se lle deron facilidades, nin en Madrid, nin en Galicia, para establecerse. No poema "N'a tumba de Rosalía", Curros deixaba o seu testamento ideolóxico. Regresou a Cuba, onde morreu en 1908.
Ver ficha