Poesía galega completa recolle toda a obra poética en galego de Xosé Mª Álvarez Blázquez, tanto os seus cinco poemarios, Poemas de ti e de min (1949), escrito co seu irmán Emilio; Roseira do teu mencer (1950, Xerais 1992, 2008), Romance do pescador peleriño (1954); Cancioneiro de Monfero (s.
Partilla este libro
Sinopse
Poesía galega completa recolle toda a obra poética en galego de Xosé Mª Álvarez Blázquez, tanto os seus cinco poemarios, Poemas de ti e de min (1949), escrito co seu irmán Emilio; Roseira do teu mencer (1950, Xerais 1992, 2008), Romance do pescador peleriño (1954); Cancioneiro de Monfero (s. XIII) (1953), e Canle segredo (1954), como poemas inéditos da edición anterior de Xerais de 1987 e outros moitos que até o de agora nunca saíron á luz, nunha coidadosa edición preparada por Xavier Rodríguez Baixeras. Membro da xeración de 1936, truncada pola guerra civil, a fonte máis auténtica e profunda da lírica de Álvarez Blázquez é a poesía popular. Aínda que, como di Baixeras no estudo introdutorio, ''o primeiro que cabe destacar da súa poesía é a diversidade, pois toda ela obedece a dúas actitudes moi diferentes; por unha banda, a adhesión a unha liña neopopular e de tradición imaxinista, e, por outra, á dunha expresión intimista e, finalmente, social''. Trátase dunha voz que non se limita a acomodarse nun mesmo tipo de poema, senón que procura sempre unha maneira nova.
Colección
Xerais Clásicos
Código
1333108
I.S.B.N.
978-84-9782-687-7
Publicación
10/01/2008
Clasificación IBIC
DCF
Formato
Papel
Páxinas
392
Tamaño
21.8 x 14.5 cm
Autor/a
Xosé María Álvarez Blázquez
Xosé María Álvarez Blázquez (Tui, 1915 - Vigo, 1985) é o editor, escritor e animador cultural homenaxeado no Día das Letras Galegas 2008. A súa obra abrangue a poesía, a novela e o teatro; investigou a literatura galega, o folclore, a arqueoloxía e a historia. Fillo de Darío Álvarez Limeses, militou na Federación de Mocidades Galeguistas e no Partido Galeguista. Membro da Real Academia Galega e Cronista Oficial da cidade de Vigo, cofundou a editorial Monterrey en 1950, que refundou en 1964 como Edicións Castrelos. Os seus poemarios máis destacados son Poemas de ti e de min (1949), escrito co seu irmán Emilio; Roseira do teu mencer (1950, Xerais 1992, 2008), Romance do pescador peleriño (1954); Cancioneiro de Monfero (s. XIII) (1953), e Canle segredo (1954), un libro máis intimista. Xerais xa publicara a súa poesía galega completa en 1987, reeditándoa e ampliándoa, en edición de Xabier R. Baixeras, en 2008, con motivo da homenaxe nacional do 17 de maio. Como ensaísta é autor de diversos estudos de literatura como Escolma de poesía medieval (1975) e Escolma de poesía galega II: A poesía dos séculos XIV a XIX (1959) ou Martín Códax. Cantor do mar de Vigo (Xerais 1998). No ámbito da narrativa cabe citar Os ruíns (1936) e A pega rabilonga e outras historias de tesouros (1971); e como autor teatral publicou O zapato do cristal, que foi escenificado en Vigo o 2 de xaneiro de 1947, ou Os pazos altivos, unha comedia en tres actos en verso. Xerais publicou en 2008 A cidade e os días. Calendario histórico de Vigo (1959), a súa monumental obra sobre a historia viguesa.