Autor/a
Benxamín Dosil
Benxamín Dosil López (A Fonsagrada, 1961), licenciado en Filoloxía Románica pola Universidade de Santiago de Compostela, é intérprete xurado de galego. Foi tradutor de galego da Xunta de Galicia (1989-1997), xefe do Rexistro Xeral (2003-2013) e, a partir de 1993, funcionario do corpo superior da Administración autonómica. Foi subdirector xeral de Política Lingüística (1998-2000) e, dende 2014, traballa como analista de xestión do rendemento e calidade na mesma Administración. Encargouse da coordinación e tratamento terminolóxico da «Guía de alimentación» (1995) e do «Léxico da construción» (2001). Como autor publicou «Maiúsculas e abreviacións» (1996), «Palabras novas e nomes propios» (1997) e «Masculino e feminino nos nomes de profesións» (2004). Así mesmo, é coautor destoutras obras: «Diccionario galego de banca» (1993), «Manual de fútbol» (1995-1998), «Dicionario de ortografía da lingua galega» (1996 e 2004), «Ortografía galega. Método práctico» (1997), «Dicionario escolar da lingua galega» (2010). En Xerais publicou as obras «Escrita doada. Consellos para redactar ben» (2015) e «Manual de uso da lingua galega» (2021).