Autor/a
Mónica Bar Cendón
Mónica Bar Cendón (Vigo, 1962), licenciada en Filoloxía Hispánica e DEA en Teoría da Literatura pola UNED, é especialista en Igualdade e Impacto de Xénero. Ademais é titulada en Interpretación polo Instituto do Teatro de Sevilla e posgrao no Estudio de Carlos Gandolfo, de Bos Aires. No ámbito do feminismo, igualdade e violencia de xénero participa en múltiples publicacións e foros académicos, como demostra a súa colaboración habitual na Festa da palabra silenciada desde 1993, con artigos, contos e recensións teatrais e cinematográficas, ou a publicación do ensaio titulado "Escritoras Dramáticas Gallegas: Dramaturgia de la subversión" na Breve historia feminista de la literatura (vol. VI, 2000). Como tradutora verteu ao galego Canon de alcoba, de Tununa Mercado (Xerais, 1999) e A pedra angular, de Emilia Pardo Bazán (Xerais, 2003). Ademais, redactou o prólogo de Xeo e lume, de Andrea Dworkin (Xerais, 2001); realizou o estudo literario de Non o abras como unha flor, de Mª Xosé Queizán (Xerais, 2004), e publicou o conto "O rosario na tarteira", incluído no volume Narradoras (Xerais, 2000). En 2010 publícase o seu poemario Amor sacrílego e a obra Feministas galegas. Claves dunha revolución en marcha (Xerais, 2010).