Saíase das catacumbas da mobilización antifranquista e entrábase na «movida». Aquela década dos '80 -da que o fotógrafo Víctor de la Heras elixiu o que el considera o epicentro, entre 1983 e 1987, para nutrir visualmente este libro- foi un período de axitación preñado de día por sucesos políticos ou económicos de envergadura mentres pola noite unha tribo de modernos mesturaba euforia creativa cun desenfreado espírito lúdico entre concerto e concerto; foron os anos en que o naval saíu á rúa pero tamén os dos estragos da droga, cuxos efectos decimaban unha xeración de vigueses, ou os da sida que se coaba nos nosos cárceres.
Partilla este libro
Sinopse

Foi unha fase eruptiva da historia local, anos de acelerada sucesión de acontecementos que a Víctor De Las Heras lle tocou vivir ao galope biográfico da súa cámara.
Neses catro anos houbo dúas eleccións municipais gañadas polo socialista Manuel Soto, dous ascensos do Celta, o derrubamento do Scalextric ou, indo á anécdota substanciosa, unha provocadora Cicciolina paseando polas rúas cos peitos ao aire a bordo dun camión. A moda galega, con Vigo como eixe do que saían todas as decisións, sorprendía a toda España e convertía o sector téxtil en punta de lanza dunha nova imaxe para Galicia.
Pola noite, Vigo era unha cidade raiada, atropelada, cachonda e encallada cunha produción intensa de bandas, as máis delas de efémera vida. Unha explosión de pelames e vestimentas coa música como expresión catártica.
Foi todo un cóctel de política, deporte, cultura e sociedade.
Fernando Franco
Colección
Libros con xeito
Código
1399081
I.S.B.N.
978-84-9914-305-7
Publicación
07/11/2011
Clasificación IBIC
AJCR
Formato
Papel
Páxinas
248
Tamaño
27.5 x 24 cm
Autor/a
Victor de las Heras
Víctor De Las Heras «Vitín» (Vigo, 1953) é licenciado en Ciencias da Información, rama Publicidade, e cursou ademais na Universidade Complutense de Madrid catro anos de Xornalismo. Paradoxalmente, a súa dedicación profesional será a fotografía, a única especialidade non cursada nos seus estudos e que aprendeu de modo autodidacta. Tras un período dedicado á hostalería en Vigo e Ibiza, que rematou en 1982, iniciou logo unha traxectoria profesional no deseño xornalístico e como creativo publicitario que nunca abandonou, aínda que o fotoxornalismo foi a súa principal dedicación.
En 1983 comeza ese labor publicando as súas primeiras fotos nas revistas El Pope e Informe Gallego, ademais de colaborar noutras españolas ás que servía de correspondente, como Tiempo, unha das de maior tiraxe naqueles anos. A finais dos anos 80 dá un salto como free lance a Latinoamérica, primeiro a Panamá e logo a Brasil, país que o seduciu especialmente, onde reflectiu coa súa cámara o lado amargo da realidade, dende as favelas aos grandes vertedoiros de lixo da cidade de Baía nos cales a xente sobrevivía e dos que se alimentaba. Manifestacións da cultura da negritude, dende a capoeira ao candomblé, foron tamén obxecto da atención da súa cámara.
En 1997 foi cofundador da revista Pueblo Gallego, na cal foi responsable da área de fotografía sen deixar de colaborar con outros medios. Hoxe é un free lance que busca a vida como pode nestes tempos de crise.