Aparece en 1974 Elipsis e outras sombras, libro ó que lle faltaba o seu conto señor e principal «Elipsis», por motivos que o propio Ferrín non podía explicar nos avisos a aquela primeira edición, e ós que si se refire claramente no aviso á segunda, de 1983: «Esta edición inclúe o conto que dá título ao libro e que fora tachado con grosas aspas de lapis vermello na primeira edición».
Partilla este libro
Sinopse
Aparece en 1974 Elipsis e outras sombras, libro ó que lle faltaba o seu conto señor e principal «Elipsis», por motivos que o propio Ferrín non podía explicar nos avisos a aquela primeira edición, e ós que si se refire claramente no aviso á segunda, de 1983: «Esta edición inclúe o conto que dá título ao libro e que fora tachado con grosas aspas de lapis vermello na primeira edición». A censura actuaba no final do franquismo, xa un réxime en descomposición, coa mesma dureza que nas décadas anteriores.
A edición completa, que hoxe presentamos revisada polo autor, constitúena oito relatos: «Prólogo. Impunidade» mais seis contos mais «Epílogo. Ditadura das cousas». O primeiro relato fainos ver a continuidade ideolóxica entre un usureiro vi1ego ignorante e reaccionario, e o seu fillo, señorito en Santiago e Madrid, que participará, realizándose plenamente como asasino fascista, nas matanzas posteriores ó levantamento militar de 1936. O último conto transmítenos a voz dunha muller burguesa que, mentres critica o exceso de atención á realidade por parte dos progresistas, pretende coñecer a verdade espiritual e non cesa un momento de aconsellar o consumo de miles productos, para finalmente declarar o seu enorme interés polo producto rei da sociedade que adora: o diñeiro.
Os seis relatos centrais, empezando por Elipsis», son seis variacións sobre un mesmo tema: a loita de clases. Clases que case sempre aparecen configuradas como castes, unhas mantedoras e outras sufridoras de sistemas de producción e maquinarias represivas que reducen ó ser humano á condición de animal inferior, atrapado en tradicións, en ritos, en labirintos deseñados dende o poder para perpetuarse. Nesta dinámica de represión e resistencia, os oprimidos viven instalados na derrota coma unha condena perpetua. Non obstante a vinganza e o triunfo, como en «Elipsis», pode chegar algún día, no remate dun ciclo, para quen conserva o cerne da súa identidade intacto.
Colección
Narrativa
Código
1331108
I.S.B.N.
978-84-7507-907-3
Publicación
30/07/1995
Clasificación IBIC
FYB
Formato
Papel
Páxinas
112
Tamaño
21 x 13 cm
Autor/a
X. L. Méndez Ferrín
X. L. MÉNDEZ FERRÍN (Ourense, 1938) é unha figura cimeira da cultura galega contemporánea. O seu labor abrangue os ámbitos da narrativa, da crítica, da investigación, do pensamento e da acción política e social. Doutor en Filoloxía, recibiu premios como o Celanova Casa dos Poetas, o Premio Trasalba, o Premio Irmandade do Libro ao Autor do Ano, o Premio da Crítica Española, o Premio Losada Diéguez ou o Premio Nacional da Cultura Galega.
É autor dunha obra compacta, unitaria, que abala entre a realidade e a fantasía, e creou espazos literarios de referencia para o ámbito da cultura. A súa obra narrativa iniciouse hai cincuenta anos con Percival e outras historias (1958), e desde aquela publicou títulos tan emblemáticos como O crepúsculo e as formigas (1961), Arrabaldo do norte (1964), Retorno a Tagen Ata (1971), Elipsis e outras sombras (1974), Antón e os inocentes (1976), Crónica de nós (1980), Amor de Artur (1982), Bretaña, Esmeraldina (1987, 2007), Arraianos (1991), ou No ventre do silencio (1999). Como poeta, logo de Voce na néboa (1957), Antoloxía Popular (1972) e Sirventés pola destrucción de Occitania (1975), o poemario Con pólvora e magnolias (1977) provocou un revulsivo na poesía daquela altura e mudou o seu rumbo. Logo viñeron títulos como Poesía enteira de Heriberto Bens (1980), O fin dun canto (1982), Erótica (1992), Estirpe (1994), O outro (2002), Era na selva de Esm (2004) e Contra Maquieiro (2005). No ano 2024, Anxo Angueira compilou toda a súa obra poética no volume Poesía reunida (2024). Para o público xuvenil publicou Arnoia, Arnoia (1986), incluída na Lista de Honra do IBBY en 1988.