Xerais despide o profesor e escritor Alfonso Álvarez Cáccamo, nado en Vigo en 1952 e que publicou boa parte da súa obra nesta editorial. O equipo de Xerais quere expresar o seu pesar polo falecemento do autor, así como facerlle chegar as condolencias á súa familia.
Foi colaborador habitual na prensa galega, fundamentalmente no periódico Faro de Vigo. Ademais, coordinou o blog de opinión «Pensamentos de Olafsson Mokk».
Como poeta, publicou Na flor do vento (1999) e Sebes contra o vento (2009). Ademais, entre a súa extensa obra narrativa publicou as novelas Peito de vimbio, premio Café de Catro a Catro de Novela (Xerais, 1988); As baleas de Eduardo Reinoso, premio Xerais de Novela (Xerais, 1990); Xente de mala morte, premio Álvaro Cunqueiro de Narrativa (1993); Catapulta (Xerais, 1995); O Espírito de Broustenac, premio Manuel García Barros de Novela (Xerais, 1996); O Bosque de Levas (2002); A revolución dos globos (2008); O Destino de Clarescura Lens (2012) e Os Gotten (Xerais, 2014).
Fillo de Xosé María Álvarez Blázquez, publicou X. M. Álvarez Blázquez, 1915-1985: unha fotobiografía (2008).
share