Na mañá de hoxe faleceu Roberto Pérez Pardo, director comercial de Xerais durante máis de 20 anos e persoa ligada á fundación e ao crecemento e empuxe dos primeiros anos da editorial. Lector apaixonado e culto, Roberto naceu na zona de Oímbra, en Ourense, en 1946. O 10 de marzo de 1980 entrou a formar parte daquel pequeno equipo inicial de Xerais (canda, por exemplo, Xela Arias e Manolo Batán, tamén falecido recentemente), unha editorial que comezaba a súa andaina, dirixida nesa altura por Xulián Maure. Ao longo de máis de 20 anos, Roberto Pérez Pardo ofreceunos en Xerais a súa amizade, a súa sensibilidade, a súa profesionalidade e o seu profundo coñecemento do ámbito do libro galego. Logo desa etapa, Roberto trasladouse á Coruña para dirixir a CGA Galicia ata a súa xubilación. En 2007 Roberto foi o primeiro director do Culturgal, evento que perfilou e puxo en marcha, cun reducido equipo da Asociación Galega de Editoras, manténdose ligado ao evento tamén na segunda edición, que se celebrou na Coruña en 2008.
Desde Xerais queremos enviarlle á súa familia unha enorme aperta.
O seu corpo será incinerado mañá ás 13 horas no Tanatorio de Pereiró e ata esa hora pódesen ofrecer condolencias na sala 4.
06.07.2024
share