Miguel Ángel López González, O Hematocrítico, foi recoñecido este martes coa Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes a título póstumo. Este recoñecemento, que entrega o Consello de Ministros a proposta do Ministerio de Cultura, distingue ás persoas que destacaron no ámbito da creación artística e cultural ou que prestaron notorios servizos no fomento e difusión da cultura.
O profesor, escritor e creador de contidos foi recoñecido polo seu traballo na renovación da literatura infantil e xuvenil, á que contribuíu con títulos como Dona Problemas ou a colección O bosque dos contos, con títulos como Feliz feroz, Axente Riciños ou Rapunzel con piollos. Tamén é autor dos cómics A media hora dos recreos e Campións do mundo, ilustrados por Albert Monteys. En 2021 nace a serie Os Hematiños, ilustrada por Alberto Vázquez, con cinco títulos publicados: Un can (2021), O meu irmono (2021), Gaivota gourmet (2022), Oso banda (2022) e Unha unicornia (2023).
Compaxinou a súa traxectoria como mestre e escritor con colaboracións en medios de comunicación. Ademais, converteuse nunha das voces máis seguidas nas redes sociais, especialmente en X, un espazo ao que achegou o seu humor. Foi pioneiro en moitas dinámicas, facendo das redes un espazo máis amable. Tamén foi creador do podcast Los hermanos Podcast, xunto a Noel Ceballos.
Faleceu o 27 de novembro de 2023 á temperá idade de 47 anos, cando estaba traballando na edición de Dona Problemas, salvadora da escola, un título que publicará Xerais en 2024.
share