Como recibiches a noticia de que gañaras o Premio Merlín?
Foi simpático porque o día que se reunía o xurado, pola tarde, meus pais preguntáronme cando sabía se gañara o premio e, nese xusto momento, chamáronme por teléfono para darme a noticia. Foi moi emocionante, pero ao mesmo tempo asumino cunha tranquilidade e unha naturalidade estrañas.
No teu caso es unha autora novel. Que idea tiñas como lectora do Premio Merlín?
É como empezar sen pasar pola casa de saída. Para min é a referencia na literatura infantil galega. Non é un Nobel, pero dende o meu coñecemento de lectora é o premio máis importante ao que podes aspirar se escribes literatura infantil en galego. Ademais, tendo en conta os autores que o levaron e a tradición que ten, estar aí é unha alegría.
O libro parte dunha receita. Ti concibiches este libro como algo así, un prato ao que lle fuches engadindo ingredientes?
Un pouco si e un pouco non. Eu tiña algún texto breve para álbum ilustrado que me resultaba moi difícil publicar. Entón decidín facer un contedor de contos. De aí sae o formato do libro. Os tres primeiros contos xurdiron con bastante naturalidade. Tiña tamén unha historia marco, pero non tiña moi claro cara a onde me levaba, porque eu empecei poñendo o esforzo nos contos. Despois dos tres primeiros decateime de que con iso non lograba nada sólido e estivo algún tempo en barbeito. A partir de aí foi crecendo a historia marco e tamén descubrín cousas da miña propia familia que me apeteceu incorporar aos contos. Nese momento os contos foron perdendo esa independencia entre si e enraizándose máis na historia de Manuel, o protagonista, e da súa avoa.
O xurado falou do libro como unha defensa da ficción e do poder cativador dos contos. Non é tamén unha forma de presentar os contos coma un refuxio?
Si, as dúas cousas. Eu sempre vivín a literatura coma un refuxio, por iso neste libro Manuel vive unha realidade que non lle encanta, pero que consegue levar doutro xeito coa axuda da ficción. Había unha vontade deliberada de defender a invención do pasado que descoñecemos. Sei que esta memoria da miña familia está perdida ou fragmentada, pero con iso vou construír outra cousa igual de valiosa. Non é o mesmo, pero váleme para o mesmo.
O libro fala de cuestións que a priori parecen difíciles de tratar con nenos e nenas: a perda de seres queridos, a falta de tempo dos pais, a soidade, a precariedade... Como atopaches a maneira de tratar estes temas con lectores e lectoras tan novos?
Sobre todo é importante recorrer a ese absurdo esaxeradísimo e á fantasía. Sobre o que ten que ver co tratamento de temas que nos parecen máis difíciles, penso que pode haber diferentes niveis de lectura. A xente da miña xeración leu O diario secreto de Adrian Mole, que foi un best-séller adolescente nos meus tempos, que a min me encantara. Logo, xa de adulta, lin noutro libro que esta novela facía unha análise sociolóxica do que era o tatcherismo, o seu contexto económico... Todo iso estaba alí, pero eu nese momento non o lin. Esa segunda lectura estaba, aínda que a aquela idade non fun consciente. Neste libro, o que eu fixen foi meter esas pinceladas sobre o mundo en que vive Manuel. Para que unha obra funcione non ten que funcionar só co lector final, senón tamén co mediador. Así que o meu lector ideal é unha persoa que goce moito da fantasía cun pé na terra, non necesariamente un neno. De feito, o libro escribino para a miña avoa! Nunha das primeiras entrevistas que me fixeron preguntáronme para que idade é, e eu penso que é un libro para calquera que queira gozalo.
Como valoras o traballo da ilustradora Xiana Teimoy?
Gustoume moito. Ademais sorprendeume porque quedou un resultado moi alegre, aínda que o libro eu non o vexo optimista. Velo así, tan colorido e cheo de vida, sorprendeume e encantoume. Fixéronme ilusión esas conexións que se producen a partir dun texto sen que haxa comunicación previa. Nunha das imaxes en que se ve a avoa na residencia, na mesa de noite hai uns pendentes de ouro tradicionais que son como os pendentes que eu gardo da miña bisavoa e que están no imaxinario do libro. Supoño que no recordo da ilustradora están tamén uns pendentes parecidos porque os houbo na súa familia ou porque coñeceu alguén que os levou.
Que importancia ten a memoria na obra?
Había unha vontade explícita de poñer en valor esa memoria colectiva. Eu construína a partir da miña, porque é a que teño, pero sabendo que hai moitos puntos en común coa memoria de calquera lectora que pense na súa avoa. É unha homenaxe á memoria perdida que xa non podemos recuperar.
O xurado destacou tamén o léxico que se emprega.
Para min, chegar a armar un texto desta lonxitude foi un reto persoal e esforceime moito en coidar o idioma como un exercicio tamén de aprendizaxe.
Tiveches oportunidade de contar algún dos contos do libro?
Os meus fillos e a miña avoa foron os primeiros en lelos. Pero ademais, fun contar o primeiro dos contos á clase de meu fillo cando aínda non rematara de escribir o libro. Os nenos estiveron entregadísimos! Foi unha sensación moi interesante porque esa lectura antes de poñerlle o punto final ao libro deume moita confianza.
02.11.2023
share