Como recibiches a noticia de que a túa obra fora galardoada co XL Premio Xerais de Novela?
Recordo perfectamente ese día. Cando chamastes eu estaba entretido no estudio. Tiña o teléfono presente en todo momento e ao contestar a chamada non sabía nin que dicir, non sabía como conxugalo. Acordábame de cando seguía o premio sendo un rapaz, de cando meu avó me contaba as historias de quen gañara ese ano, as veces que fun mercalo, as veces que me presentara... Á fin e ao cabo, Os fillos do mar é unha novela que tamén sae de aí, de ser finalista do Premio Xerais. Sabía que tiña que descolgar o teléfono e dicir algo sensato. Estaba nerviosísimo pero recórdoo con moitísima alegría.
En Ninguén contará a verdade inclúense casos reais no medio dunha trama que é ficción. É algo que fixeches tamén en Un lume azul. É unha técnica para captar a atención do lector?
En realidade fágoo sempre. En A memoria da choiva sae un vídeo que atopa unha xornalista onde aparece a filla de Rosalía. Eu deixaba os enlaces e a xente ía buscalos e atopábaos. Iso chama moito a atención. Realmente eu non fixera nada, era algo que estaba aí. En Os fillos do lume tamén contaba a historia da reconquista partindo de todo o que había arredor dos casos máis coñecidos. Había historias que eran igual ou máis potentes que as que se coñecían máis. Eu o que busco é atopar espazos comúns que nos preocupen a todos e poñelos enriba da mesa. Non sei se iso é unha técnica...
Iso corrobora o que se di de que a realidade supera a ficción.
No caso de Un lume azul, as escenas eran moi duras, pero o que facía que a xente que o lía parase a tomar aire eran as escenas máis discretas, que eran tamén as máis reais. Agora entendo que vai pasar o mesmo. Nesta novela non hai escenas que sexan visualmente tan duras, pero todo o que conto son casos reais. Cando se dan números de saqueos de contas públicas, de como se aproveitou algún momento da pandemia para sacar tallada, como se negociaron contratos públicos... Todo iso é real. De feito, quen estea máis posto na actualidade corrupta do país decatarase de que hai frases nos diálogos que están sacadas directamente de actas xudiciais, de gravacións. Por moi atroces que parezan esas cousas dixéronse e dinse.
Como foi o traballo de documentación?
Hai un cambio dende Un lume azul ata agora. Daquela falara con vítimas, con herdeiros das vítimas, con pederastas, proxenetas, con xente que no seu momento estivo moi metida na distribución de drogas. E neste caso o mesmo. Hai un primeiro punto de partida que é a hemeroteca, pero unha vez que empezas a ver nomes empezas a falar con eles. Porque ti non podes contar a corrupción dende un só punto de vista, como a perspectiva dun xornal ou dun partido político ou o empresario. Tes que falar con todo o mundo. Aí ao principio hai certas reticencias, pero en canto a xente se relaxa empeza a falar e a contar cousas, igual non falando deles directamente, pero si dos do lado. Creo que máis interesante que a novela sería publicar as conversas que teño gravadas.
Ti es reticente a poñerlles a etiqueta de novela negra ás túas novelas. Esta é ou non é novela negra?
Non teño nin idea. É certo que o descoñecemento do delito non exime da culpa: ti podes non saber que é unha novela negra e que che saia unha novela negra. Quizais despois de escribir esta pensei que si podería encaixar. Pero logo falei con Xaquín Núñez Sabarís e díxome que quizais esta sexa a menos negra das miñas novelas.
Que novela querías escribir ti?
Pois eu quería transmitir esa sensación de que nos estaban roubando. Logo de todo o que foi a pandemia, quedei abaixo. Nunha situación como aquela, en que se contan os mortos de mil en mil, de súpeto ves que somos capaces de ser tan miserables de sacar tallada de todo iso. Se somos capaces de roubarnos a nós mesmos nunha situación tan extrema como aquela, que non estariamos facendo antes? Iso preocupábame moitísimo. Ese foi o detonante. Eu non entendía o que estaba pasando e a miña forma de dixerilo foi informarme e darlle forma de novela para compartilo cos lectores. Eu escribo para entender o que pasa.
Que valoración fas das 40 edicións deste premio?
Valóroo con moito respecto. Houbo algún día en que pensei que isto é unha responsabilidade moi grande, porque teño un respecto enorme por toda a tradición dos Premios Xerais. Ao longo destes anos o Xerais puxo no mapa a moitos autores que logo fixeron carreira. Son premios que son moi respectados. En Galicia hai moitos premios literarios, pero o Xerais é O Premio, con maiúsculas. Son premios dos que se fala, son obras que transcenden... Ademais é un orgullo que se mantivesen no tempo porque non é fácil sacar adiante 40 edicións dun premio que, se continúa, é porque hai algo detrás. Aí tamén xoga unha parte importante a dignidade da editorial, que xa non ten cinco anos. Dentro dese marco tan grande que cobre Xerais, soster este premio durante 40 edicións é unha alegría e unha riqueza para o país.
07.11.2023
share