Que buscabas cando sentaches a escribir esta novela?
Imaxino que buscaba unir os temas dó e boxeo. Ao estar pasando un proceso de perda moi agudo ábrese a interrogante de que pasa cando te enfrontas a esa situación noutros momentos da vida, a outras idades máis temperás, cando os recursos que tes e a situación vital son outros. A partir de aí empezou todo. Ademais, o boxeo é para min moi importante, aínda que pareza algo trivial. Apetecíame escribir sobre ese deporte, sobre ese espazo.
O boxeo é fundamental no libro, como o son tamén os prexuízos. Esta obra demostra que os libros son unha ferramenta excepcional para derrubalos, non si?
En xeral, cando falamos de mulleres, de persoas con expresión de xénero non estereotípicas, o deporte é un espazo hostil. Pero curiosamente, na miña experiencia, o espazo menos hostil que atopei foi o boxeo, que popularmente ten a imaxe de deporte violento, moi masculinizado —coma se os demais non o estivesen—… Hai unha serie de prexuízos arredor do boxeo porque precisamente, e penso que isto é o paradoxal, os ximnasios de boxeo son os espazos que teñen moitos homes para saír de situacións de marxinalidade. A «xente de ben» ve o boxeo como algo violento porque o reducen a pegarlle a alguén, pero o máis importante do boxeo é que require moitísima disciplina e control mental. Por iso é un espazo para persoas que precisan un lugar seguro nunha vida revolta. A xente que ten problemas non se mete a boxear para liberar violencia, o que fai o boxeo é establecer unha serie de disciplinas simplemente porque é imposible combater se non tes unha forma física excelente. Iso require constancia e preparación. Contan as estratexias de combate, a habilidade... É un deporte moi complexo que moitas veces se resume a que dous se están pegando.
Esa visión ten moito de clasismo…
Totalmente. Tamén de racismo, porque é un deporte asociado a persoas racializadas. Entre as rapazas que o practican hai mulleres xitanas e romanesas, algunhas delas xa teñen gañado algún campionato. Hai un caldo de cultivo para que haxa unha visión social que non se corresponde para nada coa realidade.
Hai moitos elementos presentes nesta novela que están en toda a túa obra, pero tamén supón algo moi diferente ao que estabas facendo, por exemplo, na serie que iniciaches con Cobiza: unha distopía ambientada nun futuro de explotación e falta de dereitos. Precisabas volver a Vigo, a algo máis tanxible e próximo?
Esta novela foi un atropelo. Ás veces hai momentos en que estou en proxectos complexos, como O ciclo dos elementos, que tamén está pendente de rematar, e preciso unha pausa. Neste caso non foi tanto saír do universo de Cobiza e Multitudes —en cuxa terceira parte, Retorno, estou agora traballando—, senón máis ben verme atropelada pola necesidade emocional de escribir esta obra. Necesitaba que estivese ambientada nun lugar tanxible, hai tamén elementos que son claves para min como a lingua ou as linguaxes, os distintos dialectos, a caracterización de diferentes personaxes pola lingua. Hai unha serie de cuestións que me levaban a querer explorar eses camiños en concreto.
A novela podería resumirse como a busca dun lugar no mundo en que estar cómoda.
A adolescencia é un momento bastante convulso en xeral, e moito máis cando engadimos todas as circunstancias de Cecilia, a protagonista: perda humana, perda material... É unha situación bastante complexa, aínda que máis habitual do que cremos. Temos o hábito de construír adolescentes modélicas. Eu sempre digo que a literatura vai moi por detrás da realidade, que ten máis variedade da que ofrecen as novelas. Por iso, cando escribo penso nesas outras rapazas, nesas nenas e nenos que non están recollidas nos textos literarios e teñen o mesmo dereito a estar que outras realidades estándar. De feito, que esas voces non estean presentes é o que crea a base para que logo se vexan como anómalas e tamén para a discriminación e o bullying. Para min era moi importante crear ese espazo para contar a vida da protagonista, e non só a dela. Para moitas rapazas, ser é xa suficiente. É un logro poder atopar ese espazo que non che ofrece a sociedade como estereotípico. Para moitas rapazas os espazos da feminidade hexemónica, ao igual que para os rapaces os da masculinidade, non ofrecen suficiente flexibilidade para que se sintan acollidas nin representadas. Xa non falemos das persoas non binarias. No caso de Cecilia, ela atopa o seu espazo nun lugar onde en principio non debería estar.
Ti xa gañaras o Premio Xerais de Novela e agora gañas o Jules Verne. Xa estás afeita a recibir premios!
Ninguén se habitúa a recibir premios. Eu nunca dou por sentado que como xa gañei algo vou gañar outra cousa. Para min era importante porque, en primeiro lugar, a tríade dos Premios Xerais está organizada pola casa en que eu publico e xa hai un vínculo emocional, pero tamén porque son uns premios cun xurado distinto cada ano, non profesional, que parte de puntos de vista moi diferentes, polo que se o libro interesa a ese xurado en particular tamén terá visos de interesar a persoas semellantes ás que o integran. Nese sentido é un premio que me interesaba especialmente. Ademais, os premios que se envían de forma anónima son premios a un texto e fan os libros especiais unha vez que saen á rúa.
O Premio Xerais de Novela chega á súa 40 edición. Que opinión lle merece esta traxectoria?
Estes premios conseguen evitar certos vicios grazas ao que sinalaba: xurados diferentes cada ano e non profesionais. Os Premios Xerais lévanos gañado novelas que non teñen nada que ver unhas coas outras. Iso é moi enriquecedor, é un espazo en que poden aparecer propostas que noutros casos pasarían máis desapercibidas. Estou pensando, por exemplo, en novelas amplas como Periferia, de Iolanda Zúñiga. Hai tamén novelas que están na historia colectiva, como Herba Moura, de Teresa Moure. O pero é que o desequilibrio de xénero é moi grande. Foi un acerto tamén equilibrar a contía dos tres premios, nun inicio era bastante agraviante pensar que a literatura infantil e xuvenil tivese menos contía. A editorial fixo un esforzo importante nese sentido, tamén na paridade nos xurados... Son cousas que é importante valorar ao longo das edicións porque son menos visibles, pero teñen moito que ver co resultado que se obtén.
07.11.2023
share