Pel de cordeiro, a nova novela de Ledicia Costas, é xa a obra de literatura galega récord en vendas de 2024, só tres semanas despois da súa chegada ás librarías. Neste tempo acadou os 3.000 exemplares vendidos, un dato excepcional que confirma o interese das lectoras e lectores pola nova obra da escritora que foi Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 2015.
Pel de cordeiro afonda no universo gótico de Ledicia Costas, que xa estaba moi presente en títulos como Escarlatina, a cociñeira defunta ou na serie Os Minimortos e que agora estende á narrativa para público adulto. A presentación da obra ao lectorado levou a autora a diferentes puntos da xeografía galega, con encontros en librarías pero tamén en espazos propios da maxia e a bruxaría, como a tenda esotérica dunha filla e neta de menciñeiras de Pontevedra, onde a escritora celebrou unha sesión de sinaturas rodeada de herbas, candeas e amuletos.
A novela de Ledicia Costas conta a historia de dúas mulleres separadas por dous séculos. Catarina pertence a unha estirpe de bruxas. Herda da súa avoa o oficio e afonda nos segredos das plantas medicinais. Críase nunha consulta demencial, onde acoden enfermos con todo tipo de doenzas. Nos últimos anos da Inquisición, no medio da fame e a miseria, elas son o máis semellante a un doutor que existe en Merlo, pero cunha diferenza: son necesarias pero tamén odiadas. Lola é unha muller do século XXI que atravesa unha crise persoal. Entra en contacto cunhas forzas que non comprende. A ruptura coa súa parella, as súas dúbidas sobre a maternidade e o desbloqueo de recordos que tiña esquecidos provócanlle un colapso. Ledicia Costas afonda no espertar sexual, na violencia e na maxia con grandes doses de fantasía. Unha novela hipnótica, que explora o erotismo e a escuridade e nos envolve nunha atmosfera tan terrible como preciosa.
share