Non se entende a literatura galega dos últimos anos sen os Premios Xerais. Esta fin de semana celebramos no Parador de Baiona unha nova festa de entrega dos premios, que este ano recoñecen a novela Ninguén contará a verdade, de Pedro Feijoo; a novela xuvenil Furia, de María Reimóndez, e a obra infantil A botella de lentellas, de Leticia Barbadillo. Por iso queremos recordar algunhas das novelas e das autoras e autores premiados ao longo destes anos.
Os galardóns chegan á súa XL edición cun palmarés que abarca unha ampla diversidade de historias, da novela histórica ao thriller, pasando pola novela negra, obras intimistas, policiais ou de aventura. O premio Xerais é un referente para autoras e autores, pero tamén para as persoas lectoras que agardan por el todos os anos. «A gran cita da novela galega», para Iria Veiga, psiquiatra e xurado en 2021. «Un premio que calquera escritora aspira a ter», para Marilar Aleixandre, gañadora en 2001 con Teoría do caos. «Un referente, un premio con prestixio e unha aposta segura como libro para agasallar», para Begoña Varela, libreira e integrante do xurado en 2022.
Van 40 edicións dun galardón consolidado e cunha traxectoria que inclúe 39 novelas, xa que na edición de 1993 quedou deserto. «A través da nómina de galardoados co Xerais creo que se pode facer un diagnóstico moi claro do estado da nosa literatura nas últimas décadas». Explícao Diego Ameixeiras, autor premiado en 2006 pola obra Tres segundo de memoria. E engade que «sen desmerecer o resto de premios, penso que certa modernidade literaria, con aires máis frescos e desacomplexados, entrou no país a través dos Xerais».
Nesa diversidade afonda María Reimóndez, gañadora en 2014 por En vías de extinción, que valora o carácter «enriquecedor» duns premios que destacaron propostas que «noutros casos pasarían máis desapercibidas». Xosé Ramón Pena, gañador do premio en 1987 coa novela Para despois do adeus, apunta no mesmo sentido: «O Premio Xerais é un bo catálogo dos gustos, das teimas e das direccións estilísticas que vai tomando a narrativa galega». O interese mediático foi un impulso fundamental para as obras galardoadas nun momento en que «non estabamos afeitos a que se nos prestase esa atención aos que escribiamos en galego».
O primeiro Premio Xerais entregouse en 1984 e recaeu na obra Crime en Compostela, de Carlos G. Reigosa. «Gañar foi un privilexio, e digo privilexio porque este premio converteuse no instrumento que impulsou as 16 edicións que se fixeron ata agora desta novela. Case un milagre!», conta o autor. O thriller que ten como protagonista o detective Nivardo Castro acaba de ser relanzado na colección Peto de Xerais e considérase un verdadeiro best-séller, ademais de iniciar o xénero policial na literatura galega, tan presente a día de hoxe.
Coa chegada ás librarías dos libros galardoados con este recoñecemento dábanse tamén a coñecer nomes de novos autores e autoras que publicaban por primeira vez. Moitos deles comezaron así exitosas carreiras literarias incluso sen acadar o galardón. É o caso do gañador deste ano, Pedro Feijoo, cuxa primeira novela, Os fillos do mar, foi publicada tras quedar finalista do premio en 2012. «Ao longo destes anos o Xerais puxo no mapa a moitos autores que logo fixeron carreira», explica o propio Pedro Feijoo.
Pero fóra do ámbito literario, os Premios Xerais son percibidos xa como unha data sinalada no calendario cultural en Galicia. «A súa importancia vai máis alá dun simple premio: os Xerais son un acontecemento cultural que nos interpela a todos os que en Galicia amamos os libros», conta Diego Ameixeiras.
A novela premiada convértese por definición nun libro que debe formar parte da libraría de calquera bo lector ou lectora. «O Premio Xerais ten algo emocional, eu compraba todos os anos a novela que gañara, é o premio de referencia co que fun medrando», conta María Solar, gañadora en 2022 coa novela A culpa. Berta Dávila, gañadora en 2021 con Os seres queridos, explica que «ademais da importancia que ten o premio dentro do sistema literario para unha escritora, eu destacaría sobre todo o que supuxo para min recibilo nunha clave soamente emotiva, a sensación de formar parte de algo que é ilusionante para moitas de nós e que foi construído con moitos esforzos e moitas voces».
share