Os xurados dos Premios Xerais 2024 xa seleccionaron as obras finalistas desta edición. O próximo xoves 6 de xuño terá lugar a segunda reunión do xurado. O veredicto anunciarase na mañá do sábado 8 de xuño.
O xurado da XLI edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e ao que concorren 35 obras, escolleu como finalistas as obras cos lemas Detective Ferruchi, Nena de auga e Tempos de pedra. Integran o mesmo Celia Fernández (libreira en Espazo lector Nobel Ourense), Lucía Madarro (adestradora deportiva e bookstagrammer en @lumadoito), Asun González (graduada en Filoloxía Hispánica), Sergio Álvarez (ex futbolista e actual conselleiro do Real Club Celta de Vigo), Pedro Iturburua (profesor xubilado de Lingua e Literatura) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
O xurado da XVI edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e ao que concorren 34 obras, seleccionou como finalistas os textos entregados cos lemas A irmá pequena, Emily e I’m Obélix. Está formado por: Pedro Rodríguez Villar (xornalista e escritor), Ana Domínguez Rodríguez (bookstagrammer en @toxinhobooks), Antela Cid (actriz), Nanda Misa (costureira e contacontos), Giovanna Davila González (mestra) e Ramón Domínguez Veiga (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
O xurado da XXXIX edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e ao que concorren 34 obras, seleccionou como finalistas as obras cos lemas Lenda e Noite, Lolipop e Rocco Stop. Conforman o xurado Alba Blanco Boga (libreira da Librería Seijas), Miguel García-Fernández (historiador e bookstagramer en @lectureo), Andrea García Martínez (escritora e ilustradora), Laura Romero (ilustradora e música. Actual presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración), Victoria García (mestra e escritora) e Anaír Rodríguez (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
share