As obras cos títulos Ninguén contará a verdade, Furia e A botella de lentellas resultaron gañadoras do XL Premio Xerais de Novela, o XV Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e o XXXVIII Premio Merlín de Literatura Infantil. Unha vez abertas as plicas, o autor e autoras dos textos escollidos polos xurados son Pedro Feijoo, María Reimóndez e Leticia Barbadillo Vázquez, respectivamente. Cada un dos galardóns ten unha dotación de 10.000 euros.
Ninguén contará a verdade, de Pedro Feijoo, Premio Xerais de Novela 2023
O xurado da XL edición do Premio Xerais de Novela, formado por Diego A. Dacal (coordinador do club de lectura Sete vidas de Espazo Lectura), María Díaz (xornalista de Cadena Ser), Fernando Miranda (libreiro na Libraría Miranda), Tamara Novoa (xornalista de A Movida), Ánxela Vázquez Andrade (profesora e bookstagrammer) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema “O candidato da fin do mundo” que, despois de abrir a plica, resultou ser de Pedro Feijoo e corresponde ao título Ninguén contará a verdade. Ao premio presentáronse 36 orixinais.
O xurado defínea como un texto de absoluta actualidade sobre a corrupción política e as súas consecuencias no cal se evidencia un gran traballo de investigación por parte do autor ou autora e onde calquera lector ou lectora pode atopar referentes reais. Trátase dunha novela coral en que todos os personaxes adquiren unha relevancia extraordinaria e cuxas voces son tratadas de forma maxistral por un narrador que adopta o punto de vista de cada un deles concedéndolles unha caracterización case cinematográfica. Uns diálogos sen fisuras, un ritmo áxil, a meticulosa descrición dos espazos, a reflexionada estrutura e a atmosfera que paira sobre toda a narración dan como resultado a obra merecedora do cuadraxésimo Premio Xerais de Novela neste ano 2023.
Nesta historia, Marosa Vega, unha talentosa e hábil xornalista en paro que foi despedida debido á súa obstinación por ir sempre coa verdade por diante, acepta un encargo moi especial dun antigo compañeiro do xornal en que traballaba: o veterano Salva Lamas pídelle axuda para desentrañar un caso de corrupción política que afecta directamente ao presidente da Xunta de Galicia e que está a deixar un regueiro de vítimas.
Construtores, navieiros, banqueiros, avogados, altos cargos políticos, directivos de xornais e medios de comunicación... Todos teñen participación e obteñen beneficios da mesma empresa, da «máquina de verdade»: a Administración pública. A súa ambición é absolutamente desmedida e son capaces de tomar calquera decisión, por terrible, violenta e destrutiva que sexa, con tal de conseguir a tallada que lles corresponde pola súa colaboración nun resultado electoral favorable para o partido político que ten o poder: unha concesión de aparcadoiros, a xestión dos comedores escolares, a limpeza de residencias da terceira idade, a construción dun hospital…
A corrupción política preséntase como unha arañeira que atrapa de forma irremediable a todo aquel que se achega a ela. O resultado é unha novela ousada e ambiciosa cunha trama adictiva.
Pedro Feijoo (Vigo, 1975) é escritor. Exerceu profesionalmente como músico, cunha intensa traxectoria como produtor, compositor e membro dalgúns dos máis salientables proxectos musicais galegos. Deuse a coñecer como ensaísta co seu libro Cousas do ‘Galicia’, por Castelao (1997), ao que seguiu a crónica Viva o Fu Remol! (2005). Como narrador publicou as seguintes novelas: Os fillos do mar (2012), Premio Arcebispo Juan de San Clemente 2013; A memoria da choiva (2013), Premio Arcebispo Juan de San Clemente 2015; Morena, perigosa e románica (2015), Os fillos do lume (2017), Sen piedade (2018) e Un lume azul (2019). Ademais, publicou o libro Camiñar o Vigo vello (2018).
Furia, de María Reimóndez, Premio Jules Verne 2023
Pola súa banda, o xurado da XV edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, declarou gañadora por unanimidade a obra co lema “Ring”, que resultou ser de María Reimóndez e corresponde ao título Furia.
O xurado estaba formado por: Laura Veiga (xornalista de Nós Diario e divulgadora), Erica García-Santamarina Caridad (AAGG), Cándido Paniagua Pousa (mestre e escritor), Adela Dios Touriñán (bookstagramer), Osmar Rodríguez Pérez (libreiro na libraría Mobby Dick) e Ramón Domínguez Veiga (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto. No certame participaban 28 obras.
Tras a morte da súa nai, Cecilia, unha rapaza de 16 anos, muda de cidade para vivir coa súa tía avoa. A rabia contida da protagonista será canalizada a través do boxeo, un deporte estigmatizado que se converterá na súa táboa de salvación facendo mesmo que deixe o instituto para dedicarse a el a tempo completo.
É precisamente grazas ao boxeo polo que coñece a M, unha muller de 47 anos a quen fará partícipe do seu conflito familiar, das frustracións propias da adolescencia e dos primeiros amores.
Pero Furia non é só a historia dunha adolescente buscando o seu lugar no mundo; tamén é un relato coral de tres mulleres de diferentes idades e condicións sociais que, a través das súas experiencias vitais, preocupacións, medos e inseguridades, van tecendo unhas realidades que fan que a trama principal da novela sexa tan importante coma aquelas que concorren nun segundo plano.
O xurado do XV Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil valorou a forza do argumento, o manexo da lingua e o carisma dos personaxes que conviven nunha novela que pon enriba da mesa, con sensibilidade e madurez, certas temáticas coas que a mocidade se pode sentir identificada, como a perda de seres queridos, a carraxe adolescente, a identidade sexual ou a autoestima. Ademais, entra de forma moi real e respectuosa no mundo do boxeo, botando por terra algúns dos prexuízos que aínda pesan sobre o deporte.
Unha historia que transmite uns valores moi positivos de superación e sacrificio e que abre unha porta de optimismo e positividade ante determinadas situacións que sofren es adolescentes.
Escrita cunha linguaxe directa, inclusiva, que reflicte a oralidade e que acada un alto nivel estilístico, sen dúbida está chamada a ser unha das lecturas preferidas pola rapazada.
María Reimóndez (Lugo, 1975) é tradutora e intérprete de profesión e feminista por convicción. Conta cunha ampla lista de títulos, dende a poesía ao ensaio, pasando pola narrativa. Como poeta destaca Galicia en bus (2018), co que gañou o Premio de Poesía Johán Carballeira, e en ensaio, a obra Feminismos (2013), en coautoría con Olga Castro. Como narradora para o público mozo destacan Usha (2006); Corredora (2017); Fóra do normal (2018), Premio Agustín Fernández Paz; A formiga destemida (2020) ou Bárbaras! (2021). Para persoas adultas, O club da calceta (2006), Premio Arcebispo Xoán de San Clemente 2007, traducida ao castelán, italiano e francés e adaptada á escena e ao cine ou as novelas do Ciclo dos Elementos: En vías de extinción (2012); Dende o conflito (2014), Premio Xerais de Novela; A música dos seres vivos (2015); As cousas que non queremos oír (2017) e As estacións do lobo (2019). Na colección Milmanda publicou Cobiza (2021), I Premio Literario Pinto e Maragota á diversidade sexual e de xénero e Multitudes (2023).
A botella de lentellas, de Leticia Barbadillo Vázquez, Premio Merlín 2023
Por último, a obra gañadora do XXVIII Premio Merlín é A botella de lentellas, escrita por Leticia Barbadillo Vázquez.
O xurado estaba formado por: Cris de Caldas (filóloga, bibliotecaria e contadora), Ivana Gómez Abuín (mestra e bookstagramer), Paco Cerdeira ‘Pakolas’ (músico), Olalla Sánchez Pintos (xornalista), Xiana Teimoy (ilustradora) e Anaír Rodríguez (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto. Ao premio presentáronse 23 obras.
Manuel é un neno que pasa moito tempo só na casa, xa que o pai traballa demasiadas horas repartindo paquetes e á súa avoa, enferma, tiveron que levala a unha residencia. O martes de Entroido, bota en falta as orellas que lle preparaba a avoa e decide facer el unhas poucas. Como quere seguir a receita exacta da avoa, emprega a súa botella chea de lentellas para estiralas, que acaba escachando e estrando de legumes o chan.
Antes de deixarlle comer as orellas, a avoa sempre lle contaba as historias que esas orellas escoitaran. Agora que ela non está, será Manuel o encargado de imaxinar os relatos que escoitaron os doces que el mesmo preparou: sorprendentes historias protagonizadas todas elas por lentellas.
A obra presentada ao Premio Merlín baixo o título A botella de lentellas é unha orixinal novela narrada cun estilo preciso e cun notable dominio léxico, que emprega a técnica dos relatos enmarcados para combinar a narración principal en primeira persoa, centrada na realidade do neno protagonista, coa fantasía e a oralidade duns contos magnificamente construídos que se van incrustando en diferentes niveis ao longo da obra.
A través deses relatos, que unen tres xeracións dunha mesma familia, o neno protagonista aprende a asumir a ausencia da avoa, a comprender a súa realidade social e familiar, e a sentirse un pouco máis unido ao pai.
A botella de lentellas é unha singular e fermosa defensa do valor da ficción e do poder cativador dos contos.
Leticia Barbadillo Vázquez (A Coruña, 1983) estudou Comunicación Audiovisual porque quería ser guionista. Hai uns anos, reconduciu a súa carreira cara ao ensino e traballa como mestra de Educación Infantil na escola pública. Nai de tres fillos, participou nos blogs colectivos Se o vello Simbad tivese fillos e Sobre as cousas.
A botella de lentellas é a súa primeira obra.
Este ano presentáronse aos premios 87 obras. Cada un dos recoñecementos está dotado con 10.000 euros. Ademais, en 2023 o Premio Xerais de Novela chega á súa 40 edición dende que en 1984 gañara o galardón Crime en Compostela, de Carlos G. Reigosa, que anos despois se converteu nun best-séller da literatura galega.
Tras o proceso de edición das tres obras gañadoras, Xerais celebrará unha festa de entrega dos premios no mes de outubro, cando os libros estean xa nas librarías. O Parador de Baiona, que xa acolleu as primeiras edicións do acto de entrega dos Premios Xerais, é o lugar escollido para a celebración.
share